O nacemento do Centro de Sociedades Obreras de Ourense, o xermolo do movemento obreiro socialista en Ourense.


Como moi ben indica Marcos Valcárcel na súa tese aínda inédita, “a historia do primeiro
socialismo ourensán está intimamente ligada á evolución do obreirismo local”. Pese a que
dende o ano 1872 os escasos elementos máis progresistas e vencellados ao republicanismo
da cidade de Ourense tentaran espallar o ideario da Iª Internacional, haberá que esperar
ao ano 1885 para que se cree a Federación Local de la Iª Internacional.

Ese mesmo ano chegara a Ourense en demanda de traballo o tipógrafo Antonio Díaz, quen
se empregaría na imprenta Rionegro. Segundo todo parece indicar, este home posiblemente
viñera fuxindo dalgunha outra localidade galega polas súas ideas progresistas. Pouco
tempo despois fundaría, xunto cos irmáns Cadavid e Antonio e Pablo Abad, a Sociedad
Obrera Orensana, cuxo domicilio social se atopaba na chamada Casa Gullón, propiedade
de José de las Cuevas. Non tardou en ver a luz El cuarto estado, semanario órgano de dita
sociedade elaborado por un pequeno grupo de tipógrafos a base de horas extras. Aínda que
nun primeiro momento a súa actividade pasaba completamente desapercibida na decimonónica
sociedade ourensá, ao unir ás reivindicacións societarias outras de cariz relixioso,
este pequeno núcleo de obreiros viuse na obriga de marchar da cidade na busca dun ambiente
menos hostil. En 1887 deixará de publicárense tan emblemático semanario, deixando
tras de si unha ducia de números editados.

Ata pasados dez anos (1895) non seremos quen de percibir claramente a forza que está cobrando
o movemento obreiro na cidade de Ourense, momento no que se levará a cabo unha
das máis importantes folgas da cidade. O conflito estalou no mes de xuño dese mesmo ano,
cando un grupo de traballadores instigou aos seus compañeiros para facerlle un “plante”
na obra que se estaba facendo do Instituto provincial. Reclamaban que se lles sinalase unha
hora de entrada e saída, pois foran despedidos un grupo de traballadores por chegaren só
uns minutos despois do amencer. Nesa ocasión a reivindicación non tivo moito éxito, pero
o despido do carpinteiro Enrique Fernández Nájera, de forma inxustificada semanas despois,
causou a indignación de tódolos traballadores da obra, que lograron coa súa actitude
que fose readmitido o seu compañeiro. Puxérase a primeira pedra no camiño das reivindicacións
obreiras.

A continuación, os obreiros que traballaban na construción do edificio da casa comercial Hijos
de Simeón García y Compañía organizaron unha segunda folga na que reivindicaban
a redución da xornada laboral – ata ese momento case sen horarios – resultando ser un rotundo
éxito. Contarían dende un principio co apoio económico e organizativo das sociedades de canteiros de Vigo, A Coruña, e diferentes sociedades de Madrid, tal e como nos informa
El Socialista. Lograron reducir a xornada laboral a dez horas e media para o verán,
e nove para o inverno, e, o máis importante, conseguiron que o escaso proletariado ourensán
existente tomara conciencia da súa realidade e se lanzara á organización das
primeiras sociedades de resistencia.

O novo clima xerado animou a un nutrido grupo de obreiros a crear definitivamente a Sociedad
de Obreros de Ourense (1895), da que serían os principais impulsores José Cuíñas
(coñecido líder obreiro vigués, canteiro e, ó parecer, residente temporalmente en Ourense),
José Rodríguez (notable líder do obreirismo coruñés e estreito colaborador de Pablo Iglesias)
e o ourensán Francisco Reigosa (ex - compoñente de El Cuarto Estado). Será a partires
deste momento cando o movemento asociativo obreiro experimente un maior impulso,
nucleando, en torno á Sociedad de Obreros de Ourense, a canteiros, carpinteiros, albaneis,
zapateiros, xastres e tipógrafos. A súa primeira Xunta Directiva estaría formada por: José
Cuíñas (presidente), Manuel Pazos (vicepresidente), Joaquín Suárez (contador), Ramiro Cebreiros
(depositario), Emiliano Ramón López (1º secretario), Manuel Lorenzo (2º secretario)
e Manuel Gómez, Agustín Filgueira e Manuel Hermida, como voceiros.

En cuestión dunhas semanas constituíronse as primeiras sociedades de resistencia organizadas
en gremios e ingresaron directamente na Unión General de Trabajadores. Debemos
sinalar que a primeira sociedade de resistencia creada na cidade, incluso con anterioridade
á fundación da Sociedad de Obreros de Ourense, foi a Sociedad de Tipógrafos (52
socios), que xa dende 1894 formaba parte da UGT. O resto dos integrantes da Sociedad de
Obreros ingresarían na Unión con 281 socios (canteiros), 186 (carpinteiros), 61 (ebanistas)
e 40 (oficios varios).

O primeiro cadro de dirixentes do obreirismo ourensán, xa que logo, quedaría formado polos
integrantes da Xunta Directiva da recentemente creada Sociedad de Obreros e polos
membros das directivas de cada unha das sociedades “gremiais”, das que afortunadamente
coñecemos as seguintes:

- Albaneis: Manuel Docampo (presidente), Alejandro Zorrilla (vicepresidente), Antonio Salgado
(contador), Miguel Arca (depositario), Adolfo Docampo (1º secretario), Victorino Vázquez
(2º secretario) e Antonio Foucer, José María Pradas e Ramón Carvajales (voceiros).

- Canteiros: José Cuíñas (presidente), Juan Mauriño (vicepresidente), Avelino Vidal (contador),
Serafín Martínez (depositario), José Pintos (1º secretario), Manuel Castor (2º secretario),
Manuel Iglesias, Manuel Carreño, Manuel Pinto e Manuel Orge (voceiros).

- Carpinteiros: Manuel Lorenzo (presidente), Francisco Reigosa (vicepresidente), Patricio
Mosquera (contador), Manuel Quiroga (depositario), Juan Pambau (1º secretario), Alfredo
Fernández (2º secretario) e Benigno Abeleira, Santiago Feijoo, Miguel Serantes e Maximino
Campos (voceiros).

- Zapateiros: Felipe Castelao (presidente), Benito Feijoo (vicepresidente), Ramón Rodríguez
(contador), Manuel Santa Olalla (depositario), Teodoro Delgado (1º secretario), Vicente Rodríguez
(2º secretario) e Ramón Fernández, Manuel Bareda, Ildefonso Diéguez e Vicente
Álvarez (voceiros).


FONTE:

QUINTAS FERREÑO, Francisco Javier (2012): Historia do movemento obreiro socialista na provincia de Ourense (1895-1936), Fundación Luís Tilve, Santiago de Compostela, pp. 31-33.

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz