03M-1979:40 aniversario das primeiras eleccións municipais tras o franquismo, o compromiso socialista.

.

Entre os días 22 de febreiro e 02 de marzo de 1979 o BOP de Ourense publicaba as candidaturas dos diferentes grupos políticos ás eleccións municipais do 03 de marzo de 1979 nos diferentes municipios da provincia.

Nunha España aínda en plena transición, onde a manifestación pública de ideas políticas era só cousa das mulleres e dos homes máis comprometidos politicamente, as forzas socialistas divididas naquel intre entre o PSOE e o PSOE-Histórico presentáronse en boa parte dos concellos da nosa provincia co obxectivo, xa non só de normalizar a participación dos cidadáns na vida pública, senón co afán democratizador e transformador da sociedade que sempre caracterizou ós socialistas.

As forzas socialistas acadaron un total de 122 concelleiros e 21.328 votos en toda a provincia -96 concelleiros e 16.170 votos do PSOE e 26 concelleiros e 5.158 votos da Sección Histórica-, acadando incluso 5 das 20 alcaldías ás que accedeu o PSOE en toda Galicia (Calvos de Randín, Entrimo, A Peroxa, A Veiga e Vilariño de Conso) sendo ademais a terceira forza política da provincia de Ourense tras a Unión de Centro Democrático e Coalición Democrática.

Na capital ourensá os socialistas, tamén divididos en dúas candidaturas, acadaron 5 actas de concelleiros, todos eles pertencentes á candidatura do PSOE. Os seus nomes, ben coñecidos por todos, eran os de José Sueiro Martínez, Juan Manuel Iglesias Rivera, Manuel Veiga Pombo, Manuel Rebollo Manzano e Manuel Estévez García.

Certamente, os mellores resultados do socialismo estarían aínda por chegar, pero non é menos certo que sen o compromiso e o traballo de toda esta xeración de socialistas ourensáns dificilmente o ideario socialista, progresista e de esquerdas podería ter agromado na nosa provincia. Eles e elas foron a semente que de seguro veremos agromar na nosa terra, tradicionalmente tan conservadora e caciquil.

Os socialistas mantemos a vista posta no futuro e no presente no que nos toca vivir e traballar, pero facémolo sen voltar as costas a todos eses homes e mulleres que, tamén agora, sabemos contribuirán de forma decisiva á transformación da nosa sociedade e ó freo das forzas reaccionarias e ultraconservadoras que ameazan as conquistas conqueridas nos últimos 40 anos de democracia.

Nin un paso atrás, compañeiros e compañeiras! Hoxe máis ca nunca: SOCIALISTAS!

FONTES: 

BOP Ourense, Biblioteca Nodal de Ourense.
www.seat.mpr.gob.es, Alcaldes de la Legislatura 1979-1983.xls

Comentarios

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz