A primeira estrutura provincial da historia do socialismo ourensán: A Federación Agraria e de Colectividades Socialistas de Ourense (1931)


A estrutura provincial das forzas socialistas, malia o que poida parecer, non é nin moito menos a máis tradicional no seo do noso partido. Tal é así que tan só temos que retrotraernos ao ano 2009 para ver como o PSdeG apostaba pola vixente configuración, a cal o paso do tempo non parece terlle sentado ben. Sen entrar en maiores consideracións, desexamos lembrar aquí á que realmente foi a primeira organización de carácter provincial das forzas socialistas, pois en boa medida é descoñecida polo público en xeral.

O crecemento experimentado polo socialismo durante os anos ´20 e o novo horizonte aberto tras a instauración da IIª República, que traerá consigo un novo e notable incremento dos efectivos socialistas e uxetistas en toda a provincia, obrigou ao PSOE e á UGT a unha nova reorganización dos seus efectivos co obxectivo coñecer con maior exactitude a dimensión e implantación das súas sociedades, mellorar a coordinación e comunicación coas células locais e contruír as sólidas bases sobre as que se debían erixir o socialismo no novo réxime democrático.

Froito desta reorganización naceu en xuño de 1931 a  Federación Agraria e de Colectividades Socialistas de Ourense, que contaría co semanario La Lucha como o seu voceiro. Esta federación inicialmente estaba integrada por 32 sociedades obreiras, agrarias e agrupacións socialistas, formando parte dela 2.800 afiliados da UGT repartidos entre 7 sociedades de agricultores (616 afiliados), 1 sociedade de panadeiros (24 socios), 1 sociedade de albaneis (147 socios), 1 sociedade de canteiros (384 socios), 1 sociedade de carpinteiros (102 socios), 1 sociedade de construtores de ferrocarril (200 socios), 7 sociedades do ramo da edificación (501 socios), 1 sociedade de camareiros e cociñeiros (30 socios), 1 sociedade de dependentes de comercio (15 socios), 2 sociedades de empregados mercantís (135 socios), 1 sociedade de empregados municipais (52 socios), 1 sociedade de ebanistas (35 socios) e 6 sociedade de oficios varios (559 socios), así como 9 Agrupacións Socialistas (380 militantes). 

Non foi este o primeiro intento por crear unha organización socialista provincial, desde logo, pero si foi o primeiro que logrou implantarse con éxito, aínda que non sen dificultades e só durante o período republicano.

O seu primeiro comité estivo integrado por Manuel Deza Castro (presidente), Claudio González (vicepresidente), Manuel Suárez (secretario), Ramón Fuentes Canal (vicesecretario), Ramón Escudero (depositario-contador), Antonio Rodríguez Rodríguez, Ricardo Rodríguez Rodríguez, Castor Sánchez, Odilo Marsia e Eladio Moure (voceiros).

FONTE:

Quintas Ferreño, F.J. (2009): Historia do movemento obreiro socialista na provincia de Ourense (1895-1936). Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz