José Cid Fernández, "Rompefurnas". O alcalde socialista de Paderne de Allariz.

Casado, veciño de Paderne de Allariz e Alcalde socialista do mesmo municipio a partir de febreiro de 1936 (Xestora da Frente Popular). Labrador de profesión, foi o principal organizador da Sociedade Agraria de Paderne, afecta á UGT, así como Secretario da Agrupación Socialista de Paderne e Vocal da Agrupación Socialista de Ousende. Alias "Rompefurnas". Durante o seu mandato é perceptible unha radicalización da vida política local que alcanzará o seu punto culminante coa detención pola Garda Civil do Posto de Esgos de significados dereitistas ni mes de abril. Na sesión do 12 de xuño tamén se acordou a destitución do Secretario José Gil Bueno, considerado contrario á política da Frente Popular, co pretexto dunha serie de alteracións no padrón de cédulas clasificando a unha ducia de contribuíntes con tarefas menores  ás que lle correspondían en función da súa contribución rústica e urbana. Ó producirse o golpe atopábase fóra do concello desde o 21 de xuño, cando partiu cara as segas de Castela acompañado doutros trinta veciños do partido xudicial, entre os que se encontraban os seus irmáns Lisardo e Antonio, todos eles pertencentes á sociedade agraria local, afecta á UGT. Pasarán a engrosar as filas do Batallón de Milicias Populares Gallegas en terras madrileñas, combatendo en diferentes frontes durante toda a contenda ata rematar en campos de refuxiados en Francia. Algúns deles buscarán a primeira ocasión para volver aos seus lugares de orixe, como fixo seu irmán Antonio, que se pasará ó bando nacional o 12 de marzo de 1939. 

FONTE:

QUINTAS FERREÑO, Francisco Javier (2012): Historia do movemento obreiro socialista na provincia de Ourense (1895-1936), Fundación Luís Tilve, Santiago de Compostela

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz

Ricardo Feijoo Varela (1875-1949): socialista e fundador da Casa do Pobo de Celanova