OS SOCIALISTAS OURENSÁNS RECUPERAN A MEMORIA DE SECUNDINO COUTO SOLLA, ALCALDE REPUBLICANO DE CANEDO.


O evento, no que se presentará o libro “Lembranza a Secundino Couto Solla”, celebrarase no local social da Sociedade Artística “La Troya” o próximo xoves e contará coa presenza dos seus familiares.

A Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, por medio da Secretaría de Memoria Histórica,  organiza este xoves día 12, ás 20:00 horas, un acto na lembranza do alcalde republicano-socialista do antigo Concello de Canedo, hoxe máis coñecido como o barrio da Ponte.

No evento presentarase o libro “Lembranza a Secundino Couto Solla. Alcalde republicano-socialista do Concello de Canedo”, editado pola Agrupación Provincial Socialista e a Fundación Luís Tilve co obxectivo de divulgar e rescatar do esquecemento a figura deste notable político ourensán. No mesmo participarán Rafael Rodríguez Villarino -Sº dos Socialistas Ourensáns- e os autores da obra, Francisco Javier Quintas –Sº Provincial de Memoria Histórica- e Hilde Couto Serantes –neta do biografado-.

Secundino Couto Solla

Natural de Mourente (Pontevedra, 1873), Secundino Couto foi unha das máis importantes figuras do obreirismo ourensán, ocupando diversos cargos de responsabilidade no seo das sociedades obreiras. Presidente do Centro de sociedades obreiras de Ourense en 1899 e da Agrupación Socialista de Ourense en 1900, á chegada da IIª República afiliaríase ao Partido Radical Socialista e a Unión Republicana, chagando a acadar a alcaldía do veciño concello de Canedo, onde máis asentado estaba o seu liderato. Será encausado pola xurisdición de guerra e posto a disposición gobernativa o 27/08/1936. Sufriu presidio en Celanova e Oseira, regresando finalmente ao seu fogar. No seu expediente de Responsabilidades Políticas, a Garda Civil di sempre que é do PSOE, mentres que outras fontes afirman que pertencía ao PRRS ata febreiro de 1936 en que pasou a UR. O propio expedientado recoñece tal militancia, aínda que afirma no ter ingresado de facto en UR. Asemade, foi xulgado polo Tribunal de Represión da Masonería e o Comunismo por ter formado parte da loxa barcelonesa “Democracia”. Sufriu unha importante merma do seu patrimonio por mor das múltiples responsabilidades económicas e incautacións ás que se viu obrigado a facer fronte. Faleceu no seu domicilio en Ponte Canedo en 1960.

Ourense, 10 de abril de 2018.

Secretaría de Memoria Histórica da Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz

Ricardo Feijoo Varela (1875-1949): socialista e fundador da Casa do Pobo de Celanova