A Casa do Pobo de Ourense



Se hai un símbolo que represente o avance e o triunfo do movemento obreiro, non pode ser outro que as chamadas Casas do Pobo. Máis alá de seren un mero edificio no que as diferentes sociedades obreiras estableceran as súas sés, constitúen realmente un espazo de convivencia e acollida fraternal de tódolos traballadores e traballadoras comprometidos coa loita obreira, o progreso e o igualitarismo social. Son, en definitiva, os templos laicos do socialismo dende os que se difundía o evanxeo marxista e se exercía a solidariedade obreira.
OS INICIOS

Os inicios do movemento obreiro en Ourense están intimamente ligados ó nacemento da Federación Local da Iª Internacional (formada por carpinteiros, zapateiros e obreiros da construción) e o chamado Centro y Sociedades Obreras no ano 1885. Este último instalará a súa sé na Casa de Gullón (antiga Praza do Cid, actual Eirociño dos Cabaleiros), chegando a constituír o núcleo de inspiración das ideas sociais do republicanismo local en torno a unha amalgama de tendencias ideolóxicas de amplo espectro que comprenden o socialismo, o anarquismo, o librepensamento, a masonería, o agrarismo ou o republicanismo antimonárquico.

Malia todo, haberá que esperar ata o ano 1895 para poder percibir claramente a forza que está cobrando este movemento na cidade de Ourense, momento no que se levará a cabo unha das máis importantes folgas da cidade. No mes de xuño deste ano uns 300 traballadores do sector da construción levan adiante unha folga para reivindicar a redución da súa xornada laboral a 10 horas. O éxito da mobilización será parcial, xa que non tódolos talleres aceptarán as condicións dos traballadores, que se verán na obriga incluso de buscar traballo noutras localidades.

O éxito na organización do paro obreiro animou a un nutrido grupo de obreiros a crear definitivamente a Sociedad de Obreros de Ourense, da que serían os principais impulsores José Cuíñas (coñecido líder obreiro vigués, canteiro e ó parecer residente temporalmente en Ourense), José Rodríguez (notable líder do obreirismo coruñés e estreito colaborador de Pablo Iglesias) e o ourensán Francisco Reigosa (compoñente de El Cuarto Estado). Será a partires deste momento cando o movemento asociativo obreiro experimente un maior impulso, nucleando en torno á Sociedade de Obrei-ros de Ourense a canteiros, carpinteiros, albaneis, zapateiros, xastres e tipógrafos. Tamén a finais deste ano de 1895 verá a luz a 1ª Agrupación Socialista de Ourense.

A clase obreira establecería a súa nova sé social na rúa dos Fornos ata catro anos máis tarde, momento en que debido á falta de espazo deciden establecerse na rúa da Liberdade nº 1. Nembargantes, segundo podemos constatar polo xornal El Socialista, o chamado Centro Obreiro cambiará de ubicación en varias ocasións.

O Centro Obreiro será o centro neurálxico do obreirismo ourensán e testemuño directo das diferentes asembleas celebradas polas organizacións obreiras, das visitas de Pablo Iglesias á cidade, das conferencias de José Verdes Montenegro (profesor no Instituto de Ourense por aquel entonces) sobre os valores do socialismo, das multitudinarias festas de celebración do Día do Traballador e das múltiples actividades educativas dirixidas por e para os obreiros ourensáns.

Como se indicou máis arriba, o Centro Obreiro era moito máis ca unha simple sé administrativa das diferentes sociedades obreiras, era un centro cívico e social de confraternización entre os membros da familia obreira da cidade de Ourense.

Será no verán de 1912 cando os elementos obreiros da cidade de Ourense inicien os trámites para a compra dun solar no que edificar a futura Casa do Pobo grazas ás aportacións e ós esforzos de tódolos asociados e da sociedade Progreso Obrero Orensano da Habana (Cuba), a cal se encargaría se recadar fondos para a construción da Casa do Pobo de Ourense nas Américas. No mes de agosto contaban xa con 10000 pesetas, que destinarían á compra de dito solar tres meses máis tarde.

A CONSTRUCIÓN DA  CASA DO POBO

O solar mercado estaba situado no número 55 da rúa do Progreso da cidade de Ourense, ou como era coñecida por aquel entón, na marxe esquerda da estrada de Villacastín a Vigo (Km. 554,7) aproximadamente á altura do Xardín do Posío. Segundo consta no Rexistro da Propiedade de Ourense, o terreo foille mercado a dona Jacoba Rojas Zay por 10.250 pesetas, acudindo en representación do Centro de Sociedades Obreiras e como parte compradora tódolos presidentes das diferentes sociedades obreiras que nese momento a compuñan (canteiros, carpinteiros, albaneis, ebanistas, tipógrafos, panadeiros, xastres, camareiros, empregados municipais e dependencia mercantil e bancaria) .

En outubro de 1913 Segundo Garrido solicitará en nome do Centro de Sociedades Obreras a correspondente licenza de obras ante o Concello de Ourense, presentando o preceptivo proxecto de obras. Grazas a este documento hoxe podémonos facer unha idea de cal era o seu aspecto e distribución pois, desafortunadamente, xa non podemos desfrutar de tan emblemático edificio.

A construción da Casa do Pobo non estaría exenta de dificultades, fundamentalmente económicas, e que impedirían vela rematada ata 1929. Para sufragar os gastos de tan importante obra, as sociedades obreiras organizaron habitualmente mitins societarios no solar da edificación, estableceron unha cota voluntaria por asociado de 50 céntimos de peseta semanais e mesmo organizaron veladas artísticas no teatro Principal. Contaron tamén coa habitual colaboración da sociedade cubana Progreso Obrero Orensano, a Sociedad de Obreros de Buenos Aires (que organizou en outubro de 1915 un festival co que recadar fondos para a construción da Casa do Pobo e para o sostemento da Escola Laica Neutral) ou dona Ángela Santamarina Alducín, marquesa de Atalaya Bermeja e condesa do Valle de Oselle, quen aportou 2.000 pesetas para tal fin.

Non obstante, en novembro de 1926 a Federación Local de Sociedades Obreiras vese na obriga de subscribir un crédito co Banco Hipotecario por un importe de 30.000 pesetas a devolver en cincuenta anos para poderen rematar tan simbólico edificio, no que ata ese momento levaban invertido un capital de 150.000.

A CASA DO POBO DE OURENSE

Por fin, no 1º de maio de 1929 a Casa do Pobo é inaugurada polas sociedades obreiras ourensás.

Era un edificio que constaba de soto, planta baixa e planta alta, de grande sinxeleza e certo toque modernista moi do gusto da época. Destacaban especialmente a iconografía obreira representada nos adornos da fachada e no frontispicio. No seu interior albergaba un gran salón de actos con graderío, dúas salas de reunión dedicadas a área administrativa, unha aula, unha biblioteca, un despacho para o director da Casa do Pobo, servizos de señoras e cabaleiros e un almacén.

Como non podía ser doutro xeito, o acto inaugural da Casa do Pobo supuxo un auténtico fito histórico na vida societaria da cidade, para o que se programou un intenso programa de actividades. Para comezar, a noite do día 30 de abril para o 1 maio unha salva de bombas anunciaba a Festa do Traballo e a chegada dun dos días máis importantes para a clase obreira ourensá. A inauguración da Casa do Pobo efectuaríase ás 11 da mañá do día primeiro de maio, contando coa presenza de Fabra Ribas (delegado en España da Oficina Internacional Traballo), quen disertaría ante a multitudinaria asistencia – unhas 2000 segundo El Socialista - e os presidentes das diferentes sociedades obreiras sobre “ A Festa do Traballo”. Xa entrada a tarde, Fabra Ribas daría unha segunda conferencia baixo o título de “O movemento cooperativo e a crise económica mundial” sobre a que El Socialista indica que “los momentos más culminan-tes de su discurso fueron cuando de una manera admi-rable refutara las acusaciones que contra los hombres del Partido y la Unión lanzan los despechados que, incapaces de realizar ninguna cosa seria, pretenden que la clase obrera les saque las castañas del fue-go, siendo interrumpido por los aplausos del público”.

Foi, sen ningún xénero de dúbidas, un día memorable para a sociedade ourensá do que se fixeron eco publicacións como El Socialista, El Pueblo Gallego ou Heraldo Orensano. Concretamente esta última publicación no seu número do día 29 de abril fixo un extensísimo reporte a propósito da inauguración da Casa do Pobo baixo o título de Breve historia de las organizaciones obreras en Orense, incluíndo artigos sobre o obreirismo ourensán de persoeiros coma Manuel Suárez Castro, Froilán Fernández, Antonio Viejo ou José María Cid. De entre todos eles o máis salientable é o que leva por título Historia de la organización obrera en Orense de José Mª Cid e que reproduciremos máis adiante por consideralo de especial interese.

A actividade da Casa do Pobo durante os próximos anos sería efervescente coa chegada da IIª República e o importante impulso que as Sociedades Obreiras sufriron, non só na capital, senón en toda a provincia, chegando a constituír o centro artellador da loita obreira en Ourense.

Durante os primeiros anos estivo dirixida por membros da UGT e o Partido Socialista, pero a partires de marzo de 1932 mudará esta situación froito da radicalización do ambiente ante a posible paralización da construción do ferrocarril Zamora – Ourense, e que moi habilmente aproveitaron elementos comunistas. Esta situación fará que abandonen a UGT a Sociedade de Canteiros, Dependentes Municipais, Panadeiros e Camareiros, e que dimita o Presidente da Casa do Pobo  - Bernardino Álvarez -  en prol de dirixentes comunistas.

A Casa do Pobo de Ourense, coma moitas outras en todo o territorio español, sufriu as consecuencias da folga revolucionaria de 1934 – que provocou o peche temporal da sé obreira – e, como non, do alzamento golpista de 1936, rematando así co soño emancipador da clase obreira na cidade de Ourense e coas esperanzas de todos aqueles homes e mulleres que loitaron pola democracia, o progreso e a xustiza.

Finalmente a Casa do Pobo foi incautada polo TRRP e inscrita no rexistro da propiedade a favor da Delegación Nacional de Sindicatos o 25 de xuño de 1943. En 1959 será vendida por 757.500 pesetas a Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S. para instalar a sé da Delegación Nacional de Juventudes. Xa no ano 1970 faríase coa propiedade a Caja Provincial de Ahorros de Orense, quen substituiría aquel nobre edificio de pedra con certo aire modernista por un edificio de sete plantas e formigón armado propio das mellores etapas da especulación urbanística. ¡Que mágoa!

A MODO DE CONCLUSIÓN:
O PATRIMONIO INMOBILIARIO SINDICAL INCAUTADO NA PROVINCIA DE OURENSE

O destino da Casa do Pobo de Ourense non foi, nin moito menos, único. Tamén as Casas do Pobo de Ceboliño (Ourense), Carballiño, Verín ou O Barco de Valdeorras sufriron un fin semellante. Todas elas eran propiedade da UGT segundo puidemos comprobar en diversa documentación depositada no AHPOu (TRRP C-10.586, por exemplo), os rexistros da propiedade de Ourense ou no nº 53 do Boletín da UGT (1933) no que se fai un repaso a tódalas propiedades da Unión nese momento.

De todas elas tan só dúas – a de Ceboliño e Carballiño – seguen hoxe en pé. A primeira delas é actualmente a sé da asociación veciñal local, mentres ca segunda  permanece nun lamentable estado de abandono entre dous edificios de nova construción.

Tamén existen referencias á posible existencias de máis centros obreiros na provincia (Ribadavia, Celanova, Xinzo, Maceda), mais non fomos quen de identificar sen ningún xénero de dúbidas a súa ubicación ou a súa propiedade. O máis probable é que as sés das organizacións obreiras destas pequenas localidades fosen baixos ou pequenas propiedades cedidas ou alugadas por algún dos membros asociados.

FONTES E BIBLIOGRAFÍA:
  • Xornal El Socialista (varios exemplares entre os anos 1885 e 1930).
  • Xornal El Heraldo Orensano, 29 de abril de 1929. 
  • Xornal El Pueblo Gallego, 01 de maio de 1929.
  • Arquivo Municipal de Ourense. Expediente de Obras, Casa do Pobo. 
  • Arquivo Histórico Provincial de Ourense. C- 10586. Responsabilidades Políticas. Casas del Pueblo de Orense, Carballiño y el Barco de Valdeorras.
  • Rexistro da propiedade de Ourense. Nº Rexistro:10945, libro 117, folio 27 e nº de Rexistro 12681 (Ceboliño).
  • A.A.V.V., Historia de Ourense, Vía Láctea Editorial, A Coruña,1996.

Francisco Javier Quintas Ferreño
Delegado da Fundación Luís Tilve en Ourense
Secretario de Memoria Histórica do PSdeG de Ourense

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz