José López Darriva (1887-1952): Un exemplo de compromiso socialista na clandestinidade


A figura de José López Darriva dentro do socialismo ourensán foi por moito tempo descoñecida. Habitual colaborador de El Socialista e do semanario socialista ourensán La Lucha (1935-1932), ata a publicación do Diccionario biográfico del socialismo español da Fundación Pablo Iglesias nada soubemos da súa traxectoria vital e política que hoxe, con motivo dos 131 anos do seu nacemento, desexamos facer presente.

Perito mercantil e xornalista, José López Darriva naceu en Ourense o 23 de febreiro de 1887. Pouco sabemos das súas actividades na cidade das Burgas, mais si temos constancia da súa afiliación á Agrupación Socialista de Ourense con anterioridade a marzo de 1913, cando ingresa na Agrupación Socialista de Madrid procedente desta.

Foi Secretario do Comité Nacional das Xuventudes Socialistas de España de 1912 a 1915, así como vocal do mesmo entre 1915 e 1919. Ao residir en Madrid, tamén representou á Agrupación Socialista de Ourense nos IX e X Congreso do PSOE (1912 e 1915). Asemade, foi representante da Agrupación Socialista de Ribadeo no Congreso Extraordinario do PSOE de 1921, aínda que descoñecemos que o vencellaba con esta localidade luguesa.

Durante os seus primeiros anos de estadía en Madrid, entre 1913 e 1921, traballou como administrativo e traductor de galego e francés na redacción de El Socialista, se ben en abril de 1921 asinou o manifesto terceirista que daría lugar ao Partido Comunista de España e abandona as filas socialistas. Faríao por pouco tempo, xa que no XII Congreso do PSOE en 1928 xa figura novamente como colaborador de El Socialista; reingresou definitivamente na Agrupación Socialista de Madrid en 1934.

Despois da Guerra Civil formou parte da organización socialista clandestina de Madrid, participando activamente na reorganización do PSOE e a UGT desde os primeiros momentos. Nas primeiras detencións en 1943 que desartellaron o Grupo Sindical Socialista de Transporte e parte da Comisión Executiva de Xuventudes Socialistas no interior, xa é citado na súa declaración por Gervasio Fernández García.

Pertenceu ao comité local da Agrupación Socialista de Madrid baixo o mandato da Terceira Comisión Executiva do PSOE no interior, presidida naquel momento por Miguel Ángel Martínez Díaz. Eludiu as detencións de novembro de 1947 que desarticularon as Comisións Executivas do PSOE e a UGT, así como o aparato clandestino de propaganda instalado por ambas organizacións. Malia que se cursou orde de detención contra el, puido escapar da casa de hóspedes onde se encontraba instalado, na cal a policía atopou gran cantidade de material propagandístico e cédulas de identificación persoal falsas.

Cego e enfermo, ingresou no Hospital Provincial de Madrid a comezos de 1952, finando un ano máis tarde nas súas instalacións.


FONTE:


Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz