Alfonso Quintana Pena: Deputado socialista por Ourense nas Cortes republicanas

Alfonso Quintana Pena coa súa esposa en compaña de Manuel Suárez Castro
tras un mitin en 1931 na Casa do Pobo de Ourense.

Nacido en Viveiro (Lugo) o 14 de xaneiro de 1897, estudou Bacharelato no Instituto Provincial de Lugo e licenciouse en Dereito no ano 1928 pola  Universidade Central de Madrid. En 1922 participou na organización da Agrupación Socialista de Viveiro, pero un ano despois incorporouse ao Exército de Operacións de España en África, onde cumpliu o seu servizo militar e permaneceu voluntariamente catro anos máis. Ao seu regreso instálase en Ferrol, ingresando na Sociedade de Oficios Varios da UGT en 1930 e saíndo elixido concelleiro nas eleccións de abril de 1931, proclamando a República desde o balcón da Casa Consistorial.

Representou ás Agrupacións Socialistas de Ferrol e Neda (A Coruña) no Congreso Extraordinario do PSOE de 1931.

Nas eleccións Xerais de 1931 concorreu como candidato a Cortes por Ourense, saíndo elixido Deputado. Formou parte entón da Comisión de Xustiza das Cortes e, posteriormente, exerceu como secretario político do Ministro de Gobernación Santiago Casares Quiroga. Tamén foi candidato por Coruña nas eleccións de 1933, pero non saíu elixido.

En 1936 defendeu en Consello de Guerra aos socialistas Antonio Santamaría (alcalde de Ferrol), Francisco del Río, Venturta Dios e ao garda civil Ricón. Os amargos momentos vividos durante e despois do proceso motivaron a súa renuncia a exercer a avogacía no futuro.

As noticias procedentes de Galicia dábano por morto en agosto de 1936, o que motivou un belo artigo de Margarita Nelken titulado Alfonso Quintana, el de los ojos abiertos, aparecido en Claridad o 08 de outubro de 1936.

En realidade Alfonso Quintana Peña pasou a Guerra Civil preso en Irún e en 1940 foi desterrado a Tafalla (Navarra), logrando fuxir pouco tempo despois cara Francia. Estivo internado no campo de Gurs un ano e medio ata que puido trasladarse a Casablanca e desde alí a México embarcado no Nyassa, que arribou en outubro de 1942. Residiu un tempo en Puebla, trasladándose nos últimos anos da súa vida a San Francisco (EEUU), onde residía a súa irmá.

Regresou a España en outubro de 1986, falecendo o 17 de decembro dese mesmo ano no seu pobo natal.

FONTES:


Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz