As Xuventudes Socialistas de Ourense (1904-1936)

Francisco Javier Quintas Ferreño,
Delegado en Ourense da Fundación Luís Tilve,
Secretario de Memoria Histórica do PSdeG de Ourense. 


Malia que nos últimos anos se teñen feito importantes avances  no estudo do movemento obreiro e o socialismo en Galicia, o certo é que non sempre se atendeu adecuadamente o estudo da xa centenaria organización xuvenil JJ.SS.EE, tampouco na provincia de Ourense. É por iso que, co afán de esclarecer un pouco este importante aspecto do movemento obreiro socialista na súa primeira etapa de historia, animámonos elaborar este pequeño artigo que, esperamos, sirva de inspiracións para os novos militantes desta organización.

O nacemento das XX.SS.EE.

A finais do século XIX, diversos países europeos ven aparecer as primeiras organizacións xuvenís de socialistas. Nembargante, haberá que esperar ó V Congreso Internacional Socialista, celebrado en París no ano 1900, para que algúns partidos socialistas comecen a interesarse por organizar os seu seus militantes máis mozos. En dito congreso apróbase unha resolución indicando que os diferentes partidos socialistas se encargarían de promover a educación e a organización da xuventude para loitar contra o militarismo.

Tal como se indica nos estatutos do I Congreso Internacional de grupos de Mozos Gardiáns Socialistas, celebrado ese mesmo ano, “a meta da Federación Internacional  será crear un vehículo permanente  entre todos os grupos de mozos de diversos países con miras, sobre todo, a informarse mutuamente sobre unha dobre acción: a antimilitarista e a educativa”.

Estes dous, o antimilitarismo e a educación nos principios socialistas, serán os principais eixos sobre o que xirarán todas as novas sociedades xuvenís socialistas que aparecerán nos vindeiros anos.
Neste contexto, en setembro de 1903 encontramos na revista “La Lucha de Clases”- dirixida temporalmente por Tomás Meabe- o editorial “Derroteros”, que podemos considerar  acta fundacional das XX.SS.EE. Neste editorial exhórtase ó socialismo español a crear unha organización xuvenil á semellanza da Federación de Mozos Gardiáns Socialistas de Bélxica coa fin de educar á mocidade nos valores socialistas e antimilitaristas e separalos de “vicios” propios do capitalismo como as prazas de touros, as igrexas, as esmorgas e os abusos alcohólicos.

Inicialmente a dirección do PSOE non é a promotora das organizacións xuvenís socialistas, se non que son grupos reducidos de mozos vascos, moi pronto secundados por outros de toda a xeografía española, quen levarán a iniciativa mesmo coas reticencias de certos sectores do socialismo. A primeira organización de Xuventudes Socialista de España foi a de Bilbao, constituída oficialmente en xaneiro de 1904 , mais ata os primeiros anos da década de 1910 as xuventudes socialistas non cobraron unha especial relevancia entre a militancia española.

As primeiras noticias que temos das Xuventudes Socialistas en Ourense  son certamente moi temperás, pois xa en novembro de 1904 advertimos a súa presenza na capital ourensá con motivo dunha excursión de propaganda societaria organizada polas propias Xuventudes –na que participaron 1000 persoas-, que tiña como principal obxectivo a organización de novas sociedades obreiras na veciña localidade de Quintela de Canedo. Tal e como nos indica o xornal El Socialista, as Xuventudes Socialistas tiñan xa naquel monto a súa sé no Centro de Sociedades Obreiras da cidade, mantendo ademais unha actividade regular.

Aínda que no Congreso constituínte da Federación das Xuventudes Socialistas de España - celebrado entre os días 14 e 17 de abril de 1906 - a única agrupación xuvenil socialista galega representada é a de Vigo  , o certo é que as Xuventudes Socialistas ourensás manteñen a súa actividade con evidente celo, tal e como se deriva do acordo tomado por esta agrupación en decembro dese mesmo ano, cando deciden expulsar do seu seo a calquera militante que ouse acudir ós espectáculos taurinos.
Por fin en 1913 as Xuventudes Socialista de Ourense ingresan definitivamente no PSOE con 33 membros, 11 máis que no momento da súa fundación.  Parece que será a partir deste momento cando as XXSS locais comecen a cobrar certa notoriedade na vida política da cidade de Ourense. Da man de Pedro Prieto (presidente) e Manuel Suárez Castro (secretario), futuro líder e factotum do socialismo ourensán, as XX.SS. converteranse na canteira do PSOE local e imprescindibles actores da vida societaria obreira da cidade. Así nolo indica o feito, por exemplo, de que as XXSS actores principais na organización de varios e multitudinarios mitins antibelicistas e contra a Guerra do Rif (Marrocos) na capital ourensá, nos que Manuel Suárez tivo a oportunidade de compartir atril cos principais dirixentes do movemento obreiro da cidade.

De agora en diante, a sorte das XX.SS. de Ourense camiña parella á do seu secretario, Manuel Suárez, quen será habitual orador nos mitins socialistas, correspondente do xornal El Socialista e verdadeiro confidente do propio Pablo Iglesias, quen depositará no mozo ourensán toda a súa confianza para dirixir o movemento obreiro socialista da provincia, e fará del o seu confidente e amigo.

Durante os anos 1915 a 1917, o socialismo ourensán estará centrado na organización de campañas de protesta contra a Guerra de Marrocos, a carestía dos prezos dos alimentos básicos, a falta de traballo ou a organización de importantes folgas como a da Compañía dos Ferrocarrís do Norte de 1915, na que as XX.SS e Manuel Suárez – nomeado xunto con Osorio organizadores do paro na Rexión Norte – terán un papel esencial. Tamén ocuparon os seus esforzos na organización da folga xeral de decembro de 1916, a folga dos obreiros do metal na Fundición Malingre ou a folga revolucionaria de marzo de 1917.

Nesta última mobilización, na que novamente os traballadores do ferrocarril foron os principais protagonistas, os traballadores da liña Madrid-Zamora-Ourense-Vigo e  Madrid-Zamora-Ourense-Santiago xogaron un importante papel. O fracaso da folga foi absolutamente demoledor, xa que as forzas gobernamentais exerceron unha dura represión sobre os manifestantes. O resultado final deixou un saldo de 71 mortes e máis de 2000 detidos, entre os cales se encontraban Largo Caballero, Anguiano, Besteiro e Saborit.

Tamén en Ourense se deixaron sentir os efectos da represión gobernamental, sucedéndose as detencións dos elementos máis progresistas da cidade e sometendo a estreita vixilancia ós principais líderes obreiros da cidade. Así por exemplo, Manuel Suárez sufriu catro meses de cárcere entre os meses de xaneiro e abril de 1918 e mesmo chegou a verse na obriga de fuxir cara Portugal temporalmente, o que non impediría a súa nova detención ó seu regreso a Ourense. Debido a esta sañuda persecución, a Agrupación Socialista de Ourense e as súas XX.SS. verán sensiblemente reducida a súa actividade, por non dicir que practicamente desapareceron. Haberá que esperar ó ano 1919 para ver novamente reorganizadas ámbalas dúas sociedades, sendo reorganizadas as Xuventudes no mes de febreiro con de Antonio Calviño (presidente) e José Docampo (secretario) á fronte, mais por pouco tempo máis.

A partires de outono dese mesmo ano, a Agrupación Socialista de Ourense e as Sociedades Obreiras da UGT comezan a experimentar as primeiras escisións froito do profundo debate que suscita a posibilidade de entrar a formar parte da IIIª Internacional (1919) - a Comunista - entre certos elementos do PSOE, entre os cales se atopan tamén unha boa parte das XX.SS.EE. Isto traerá consigo a desaparición, unha vez máis da Agrupación Socialista ourensá e as súa organización xuvenil.
Haberá que esperar ó 13 de abril de 1921 para que o PSOE no seu IIº Congreso Extraordinario escenifique a escisión cos chamados terceiristas, quen crearán o Partido Comunista Obreiro Español e a Federación de Juventudes Comunistas.

Ante tal crise, en 1922 Manuel Suárez Castro recibe o encargo do propio Pablo Iglesias de reconstruír a Agrupación Socialista ourensá, lanzándose así unha intensa campaña de afiliación socialista que conta coa participación de Andrés Saborit e froito da cal, ademais da agrupación da capital ourensá, nacerán a Agrupación Socialista de Ribadavia e a segunda das organizacións xuvenís socialistas da provincia, isto é, as XX.SS. ribadavienses.

Nada máis volveremos saber das XX.SS. da capital ourensá ata xaneiro de 1930, cando serán novamente organizadas e dirixidas por José Docampo (presidente), Simón Domínguez (vicepresidente), Manuel Docampo (secretario), Jesús Cabaleiro (tesoureiro) e Luciano Fernández (vogal).

As Xuventudes Socialistas de Ourense durante a II República

O crecemento experimentado polas forzas socialistas en anos anteriores e o novo horizonte aberto tras a instauración da IIª República, que traerá consigo un forte crecemento das forzas socialistas e uxetistas en toda a provincia, obrigará ás forzas obreiras a unha nova reorganización dos seus efectivos para coñecer con maior exactitude a dimensión e implantación das súas sociedades, así coma mellorar a comunicación e coordinación cos seus efectivos repartidos pola provincia.
É por iso que nace en xuño de 1931 a Federación de Colectividades Socialistas da provincia de Ourense, inicialmente integrada por 32 sociedades obreiras e agrarias e agrupacións socialistas. Formaban parte da UGT 2.800 afiliados repartidos entre 7 sociedades de agricultores (616 afiliados), 1 sociedade de panadeiros (24 socios), 1 sociedade de albaneis (147 socios), 1 sociedade de canteiros (384 socios), 1 sociedade de carpinteiros (102 socios), 1 sociedade de construtores de ferrocarril (200 socios), 7 sociedades do ramo da edificación (501 socios), 1 sociedade de camareiros e cociñeiros (30 socios), 1 sociedade de dependentes de comercio (15 socios), 2 sociedades de empregados mercantís (135 socios), 1 sociedade de empregados municipais (52 socios), 1 sociedade de ebanistas (35 socios) e 6 sociedade de oficios varios (559 socios)  , mentres que o PSOE acadará un total de 9 sociedades e 380 militantes en toda a provincia a finais de 1931, ademais das dúas XX.SS existentes na provincia (Ourense e Ribadavia) perfectamente integradas na organización obreira provincial.

Aproveitando a chegada de sangue nova a todas as organizacións socialistas, as Xuventudes deciden dar entrada na súa directiva a novos e prometedores valores para o socialismo. En 1931 as XX.SS. estarán dirixidas por Enrique Iglesias Deza (presidente), Eduardo Gómez del Valle (vicepresidente),  Luís Vázquez (secretario 1º), Severino Fernández (secretario 2º), Ángel Suárez Castro (tesoureiro-contador), Luís Iglesias Estévez, Ramón Fuentes Canal e Francisco Vázquez Miranda (vogais), quen serán substituídos un ano máis tarde por Ramón Fuentes Canal (presidente), Vicente González (vicepresidente), Luís Viejo (secretario), Severino Fernández (vicesecretario), Antonio Docampo (tesoureiro), Antonio Iglesias Pombal (contador), Enrique Iglesias, José Sarrey e Antonio Taboada (vogais).

Os persoeiros máis destacados desta nova xeira de mozos socialistas serán Ramón Fuentes Canal e Antonio Taboada Nóvoa, ámbolos dous representantes do sector máis esquerdista do PSOE ourensán e seguidores da liña de Largo Caballero.

Nesta nova etapa, a organización xuvenil gaña un importante peso específico entre as forzas socialistas da cidade, especialmente debido a radicalización que está a experimentar a clase obreira ourensá froito da desafección que produce a posible paralización das obras do ferrocarril da liña M.Z.O.V. por parte do goberno da República. Asemade, a celebración de dúas importantes folgas dos traballadores do ferrocarril ante o medo de perder os seus postos de traballo e a irrupción dos comunistas –ata o de agora forza testemuñal en Ourense – no panorama político da provincia, farán das XX.SS. o referente máis á esquerda do socialismo ourensán, moito máis moderado e seguidor da liña prietista do Partido Socialista.

Ramón Fuentes Canal, presidente das XX.SS: de Ourense en 1932, acudirá como representante ourensán ó IV Congreso das Xuventudes Socialistas de España, onde defenderá teses antiautonomistas.  Este novo avogado e funcionario de Estatística na cidade de Ourense pronto destacará pola súa formación, carisma e oratoria entre os seus compañeiros de filas. Colaborador do semanario socialista La Lucha, onde os seus artigos denotan unha formación político-cultural superior á de moitos dos seus compañeiros, con preferencia polo tratamento de temas políticos, a historia do socialismo e os problemas agrarios e proletarios. Era fillo dunha distinguida e numerosa familia de Verín e sobriño de Ramón Fuentes Pazos, personaxe ben representativo da dereita da vila. Tras o golpe, escóndese nunha casa do barrio do Polvorín e A Farixa, para logo iniciar un periplo por Reza, As Caldas e A Cuña, dirixíndose finalmente a Montederramo, onde esperaba poder eludir á Garda Civil en compaña de Benigno Álvarez, Luís Acuña Nóvoa e Leandro Carro (Deputado comunista por Bilbao). Finalmente é detido por un Garda Forestal o 2 de agosto de 1936 e executado no Campo de Aragón o 09 de decembro dese mesmo ano contando con tan só 28 anos.

Tras a Revolución de Outubro de 1934 e a conseguinte radicalización do PSOE baixo a dirección de Francisco Largo Caballero, as XX.SS. traballaban pola radicalización obreira fronte a burocracia reformista na que vivía instalada -segundo eles- a Agrupación Socialista de Ourense, á que gustaban chamar “Asociación de Amigos de Manuel Suárez Castro”. É neste momento cando Antonio Taboada Nóvoa entre en contacto co grupo de Esquerda Comunista da cidade de Ourense coa fin de tentar a unificación das forzas das Xuventudes Socialistas e Comunistas da cidade ante a complexa e incerta realidade política do momento. Esta unificación farase efectiva na primavera de 1935, cando persoas coma Armando Fernández Mazas –mestre e fundador da ATEO-, Juan Rodríguez Dever, Severino Nóvoa – director do xornal antifascista local Espartaco- , Luís Acuña Nóvoa –canteiro e presidente da Casa do Pobo -, Adolfo Rodríguez Ansias – mestre, fundador da ATEO e administrador da revista Escuela del Trabajo - e outros ingresan nas XX.SS.

Do acontecido despois, a partires de xullo de 1936, xa todos sabemos…


FONTES:
  • El Socialista.
  • La Lucha.
  • La Región.
  • FERNÁNDEZ MAZAS, Armando (1995): Política y Pedagogía. Memoria teórica de un maestro de la ATEO, 2ª Ed., Ourense: Editorial Andoriña.
  • GONZÁLEZ QUINTANA, Antonio; MARTÍN NÁJERA, Aurelio; GÓMEZ BRAVO, Gutmaro (2006): Juventudes Socialistas, 100 años protagonistas del cambio, Madrid: Fundación Tomás Meabe.
  • QUINTAS FERREÑO, Francisco Javier (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936), Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz