O Socialismo ourensá, a través da súa secretaría de Memoría Histórica, rende tributo a memoria das vitimas do Holocausto da provincia de Ourense



O 1º de novembro de 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 27 de xaneiro como o Día Internacional da Memoria das Vítimas do Holocausto e, por extensión, de todas aquelas persoas que viron truncada a súa vida por mor do fanatismo, a intransixencia e crueldade fascista.

En España o Golpe de Estado de xullo de 1936 deu inicio a unha das etapas máis negras da nosa historia, unha etapa tinguida de odio, de morte e sangue, de medo e humillación para milleiros de persoas no noso país. A natureza fascista e xenocida da ditadura franquista –así considerada desde o ámbito académico - vén de ser recoñecida poucos días atrás polo  propio Parlamento Galego nunha declaración institucional coa que restablecer a memoria de milleiros de homes e mulleres vítimas da senrazón.

O historiador Enrique Barrera na súa obra Galegos en Mauthausen infórmanos de que 179 foron os galegos que sufriron reclusión nos campos de exterminio nazi, 34 dos cales eran ourensáns. José García Rodríguez,  Manuel Yebra Dacoba, Julio Rajó Lorenzo, Antonio Villar Febrero, Isauro González Prada, Tiberio Fernández Lorenzo, Jesús Vázquez Valdominos, Avelino Pérez Rodríguez, Abilio Álvarez Bernardo, Antonio Diéguez Blanco, Benedicto Folla Arias, Ramón Conde Ramos, Antonio Araújo González, Manuel Soutullo Iglesias, Antonio Vázquez González, Eligio Formoso Fernández, Jesús Fernández Rodríguez, Demetrio Rey Domínguez, Magin Pérez López e Alberto Suárez Gallego encontraron a morte vítimas dos traballos forzados, as torturas ou as penosas condicións de vida ás que os someteron os soldados nazis no tristemente célebre campo de exterminio; doutras catro persoas máis, Antonio Pérez, Francisco Cortez, Francisco Iglesias Fernández e Santiago Durán Durán nada máis se voltou saber.

De Mauthausen e outros centros de exterminio nazis chegaron a ser liberados os ourensáns:

Joaquín Balboa García, nacido o 22-08-1908 en Estevisiños (Monterrei). Ingresou en Mauthausen procedente de Trier o 3 de abril de 1941 e foi liberado polas tropas norteamericanas o 05-05-1945. 

Serafín Blanco Valcárcel, nacido en Ourense o 08-01-1912. Foi feito prisioneiro o 24-01-1943 e trasladado ao campo de concentración de Sachsenhausen. Foi liberado o 03-05-1945.

Julio Domínguez Rodríguez, natural de Quintela de Leirado, nacido o 01-04-1916. Foi deportado a Mauthausen o 25-03-1944 e liberado o 05-05-1945.

Albino González González, nacido o 18-11-1915 en Mones (Petín). Foi trasladado ao campo de concentración de Mauthausen o 03-04-1941, procedente de Trier. Foi liberado o 05-05-1945.

Luis Iglesias Grande, nacido o 05-09-1913 en Currás. Foi deportado desde Trier a Mauthausen o 25-01-1941 e liberado o 05-05-1945.

Manuel López Martínez, nacido en Señorín o 25-08-1915. Foi conducido desde o campo de Fallingbostel a Mauthausen o 08-09-1940. Foi liberado co resto de españois o 05-05-1945.

José Mosquera González, nacido en Ourense o 14-06-1918. Foi deportado a Mauthausen procedente de Moosburg o 06-08-1940. Liberado tamén o 05-05-1945.

Egidio Piñeiro Conde, nacido o 13-08-1913 en Taboadela. Ingresou en Mauthausen procedente de Trier o 25-01-1941. Foi liberado o 05-05-1945.

José Rivada Nóvoa, natural de Rivela, nacido o 26-12-1914 e deportado a Mauthausen o 13 -12-1940. Foi liberado o 05-05-1945.

Verísimo Rodríguez Ollero, nacido o 25-05-1919 en Paderne de Allariz. Foi deportado desde Moosburg a Mauthausen o 06-08-1940. Foi liberado o mesmo día cos seus compañeiros. 

Jaime Vázquez Estévez, nacido en Bouzadrago (Entrimo) e deportado a Mauthausen desde o campo de Sandbostel o 03-03-1941. Quedou el liberdade o 05-05-1945.

Os socialistas ourensáns, comprometidos como estamos coa Memoria Histórica, desexamos ter un agarimoso recordo e rendemos tributo ás vítimas da barbarie fascista nesta data tan especial, entendendo que este compromiso coa memoria é algo permanente e un dos nosos signos de identidade. É por iso que a nova Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense conta cunha Secretaría de Memoria Histórica que traballará para manter a chama viva de todas as vítimas do fascismo, a cal proximamente dará a coñecer as súas iniciativas e proxectos.

Xa que logo, para todas as vítimas vaian aquí o noso fraternal recoñecemento e sentida homenaxe.

Ourense, 27 de xaneiro de 2017. 

Secretaría de Memoria Histórica. 

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz