José Cernadas Pérez: un ourensán no corazón do socialismo español.



Natural de Santiago de Compostela (29.01.1880), iniciou a súa carreira sindical e profesional en Ourense. Segundo toma Borobó de Juan José Morato, José Cernadas “rexentou sucesivamente as mellores imprentas de Ourense, onde se estampaban sendos xornais locais, este de esquerda – El Miño, de Vicente Pérez – e outro de dereita – El Eco de Orense –”. Morato caracterízao coma un operario que dominaba o oficio na súa integridade, que tiña unha cultura pouco común e unha grande facilidade de palabra. Orador elocuente, podía ser considerado un habilísimo político. Para mellorar economicamente trasladouse a Vigo, traballando no seu oficio e ocupando diferentes cargos na Agrupación Socialista e na sección Tipográfica. En Ourense destacou por ser un importante orador e organizador de Sociedades Agrarias e Oficios Varios no entorno da cidade. Na primeira década do S.XX Cernadas marcha para Madrid, ingresando o 03.10.1910 na emblemática Asociación General del Arte de Imprimir. Foi elixido vicepresidente da mesma en 1914 e presidente dende 1919 a 1922, cando pasará a dirixir a Federación Gráfica Española. Malia todo, estaría sempre moi unido a Ourense, acudindo como delegado dos tipógrafos ourensás ao X Congreso da UGT en 1911 e ao XII Congreso do PSOE de 1928. Ocuparía tamén outros importantes cargos, entre os que destacan os de delegado aos XIV e XV Congresos da UGT (1920 e 1922 respectivamente), Vocal na Xunta Directiva da Fundación Cesáreo del Cerro (1928) e Vocal da Comisión Executiva da UGT dende marzo de 1933 a xaneiro de 1934.

Durante a súa estadía en Ourense cultivou unha profunda e directa amizade con Manuel Suárez Castro. Segundo declaracións da súa filla, Dolores Suárez Bretaña, tras o fusilamento de seu pai foron visitar a Madrid a José Cernadas en varias ocasións, perdéndose posteriormente a relación.

Detido ao finalizar a Guerra Civil, a súa causa foi sobresida e foi posto en liberdade aos veinte días. Volveu ser detenido en marzo de 1941 acusado de ser cobrador do Comité Nacional do Socorro Rojo Internacional, sendo internado na prisión de Santa Engracia e posto de novo en liberdade sen ser encausado. Ao constituirse a Segunda Comisión Executiva Nacional do PSOE no interior, Eduardo Villegas e José Castro propuxéronlle sustituír a Claudina García Pérez como delegado dea UGT no Comité da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas. Como integrante do mesmo foi detenido o 22 de outubro de 1945 e condenado en Consello de Guerra celebrado en agosto de 1947 a dous anos de cárcere. Faleceu en Madrid o 28 de xuño de 1971.


Nin esquecemos, nin perdoamos. 
O noso recoñecemento ós mártires da liberdade, a democracia e a xusticia social.

FONTES:


  • QUINTAS FERREÑO, Francisco Javier (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936), Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.
  • FUNDACIÓN PABLO IGLESIAS: http://www.fpabloiglesias.es/archivo-y-biblioteca/diccionario-biografico/biografias/4103_cernadas-perez-jose , consultado o 21.01.2018.

  • Publicacións populares deste blog

    No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

    A tradicional implantación socialista na vila de Allariz

    Ricardo Feijoo Varela (1875-1949): socialista e fundador da Casa do Pobo de Celanova