III Congreso Provincial do PSdeG de Ourense


Vén de celebrarse en recentes datas o III Congreso Provincial do PSdeG PSOE de Ourense, no cal por primeira vez foi creada unha Secretaría da Memoria Histórica na nosa provincia. Se ben o compromiso coa recuperación da memoria histórica na nosa provincia foi sempre defendido por moitos compañeiros e compañeiras socialistas desde diferentes ámbitos, ben na súa labor como concelleiros, alcaldes ou membros de colectivos sociais , ben a título individual, o certo é que coa creación desta Secretaría de Memoria Histórica ponse de manifesto a determinación que ten a nova Comisión Executiva Provincial de dar un novo impulso as tarefas de rehabilitación e recoñecemento da labor que tantos homes e mulleres socialistas levaron a cabo no pasado e que mesmo pagaron coa súa propia vida. 

Este espazo quere ser un medio de divulgación histórica arredor do socialismo ourensán, difundindo os máis importantes logros dos centos de homes e mulleres que ó longo do tempo foron construíndo este proxecto e recuperando a memoria de todos aqueles que dun ou doutro modo sufriron o azoute da crueldade e a sinrazón. 

Desexamos tamén que sexa este un punto de encontro, un espazo vivo no que todos e todas as compañeiras socialistas, os interesados na recuperación da memoria histórica ou emesmo os familiares e achegados das víctimas do franquismo fagan as súas aportacións, ás que se lle dará cumprida resposta.

Dende tempos antigos a “damnatio memorie” foi considerada a máis cruel das penas á que podía ser condenado calquera membro dunha comunidade. Sen dúbida constitúe o máis refinado mecanismo de represión que pode exercer o poder establecido que, non conforme con silenciar as palabras e as ideas de quen non lle é dócil mediante a imposición de condenas de prisión ou morte, arremete contra todo vestixio que testemuñe a súa existencia. Xa que logo,  é a nosa obriga exercer de avogados defensores dos que un día foron cruelmente silenciados. Despegamos!!! 

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz