Manuel Suárez Castro: O primeiro alcalde socialista da cidade de Ourense

Francisco Javier Quintas Ferreño,
Delegado en Ourense da Fundación Luís Tilve,
Secretario de Memoria Histórica do PSdeG de Ourense

Duns anos para aquí a historiografía galega ven desempeñando unha importante labor de investigación no eido do movemento asociativo obreiro de Galicia. Dionisio Pereira, Gérard Brey ou Manuel González Probados, entre outros, abriron un campo de investigación no que moitos outros estamos tamén chamados a profundar.

A Fundación Luís Tilve, como custodio da memoria da UGT e o PSdeG, pretende construír a historia aínda non escrita dos homes e mulleres que un día incluso deron a súa vida na defensa do ideario socialista baseado na fraternidade universal, a paz, o igualitarismo e a xustiza social. A este esforzo súmase agora o propio partido coa creación no seu III Congreso Provincial dunha Secretaría de Memoria Histórica. Sexa a recuperación de este artígo publicado no número 5 da revista Claridade, órgano da Fundación Luís Tilve o pistoletazo de saida dos traballos que dende esta Secretaría esperamos realizar nos vindeiros anos.

A ausencia de fontes documentais directas constitúe o principal atranco que debe afrontar a investigación, que se ve case limitada ó emprego de fontes hemerográficas, máis grazas ás achegas de familiares, como no caso da familia Suárez Bretaña, as liñas de indagación cobran un novo pulo.

Sen dúbida, a figura de Manuel Suárez Castro é a máis notable do socialismo ourensán, destacando tanto por ser o organizador do movemento obreiro na provincia, coma por ser o primeiro socialista en acadar a Alcaldía da capital. Tachado por moitos de excesivamente “morno”, Manuel Suárez foi un político e sindicalista cun fondo sentido da responsabilidade que, facendo uso do sentido común, non se deixou levar polos extremismos ideolóxicos. O seu compromiso ético levouno sempre a efectuar políticas sociais encamiñadas a mellorar e modernizar a cidade, negociando e non confrontando abertamente ós diferentes interlocutores, actitu- de propiamente “Pablista”, a quen Suárez tiña como exemplo.

ALGÚNS DATOS BIOGRÁFICOS

Manuel Suárez Castro, fillo de José Suárez Rodríguez, carpinteiro, e Ramona Castro Pardo, naceu en Ourense o seis de outu- bro de 1890 –segundo o Consello de Guerra, xa que a familia di que foi no ano 1892- no seo dunha familia modesta. Da súa infancia e xuventude pouco máis sabemos ca que tivo un irmán, Ángel, que faleceu vítima dunha enfermida- de alá polos anos  ́30, e que casou sendo moi novo con Consuelo Destar, á que a gripe do ano 1918 levou ó cadaleito, dei- xándolle unha única filla, Pacita Suárez Destar.

Home afable e de bo trato, non tardaría en iniciar unha nova relación con Celidonia Bretaña, unha bela moza da cidade que lle daría tres fillos máis, Dolores, Pablo e Raul, e coa que casaría polo civil chegada a II República.

Canteiro de profesión, e máis tarde mestre de obras, Manuel Suárez é un claro exemplo de home que se fixo a si mesmo. A súa formación eminentemente autodidacta, o seu compromiso político e o seu traballo, pronto fixeron de el un destacado membro das Xuventudes Socialistas ourensás e do Centro de Sociedades Obreiras chamado a ocupar postos de maior responsabilidade na vida política da cidade.

¡Mágoa que os fratricidas acontecementos do ano  ́36 truncaran inxustamente a súa vida!

OS SEUS INICIOS POLÍTICOS E SINDICAIS

Todo parece indicar que o ini- cio da vida política de Manuel Suárez se pode situar no ano 1913, cando milita xa nas Xuventudes Socialistas locais. Neste momento, o movemento obreiro e o socialismo preséntan- se especialmente activos.

Tras un período de folgas xeneralizadas, en setembro de 1912 créase a sociedade Progreso Obrero Orensano na Habana, co fin de recadar fondos para a construción da futura Casa do Pobo. Coas súas achegas e coas dos obreiros ourensáns, o Centro Obreiro efectuará a com- pra dun terreo no mes de decembro na rúa do Progreso para tal fin.

Semella que o movemento obreiro goza de boa saúde; ingresa a Sociedade de Xastres na UGT, os ebanistas en folga impiden a chegada de crebafolgas portugueses, os construtores de carruaxes fan o mesmo ante a iniciativa do patrón Agustín Fernández de ampliar a xornada laboral a dez horas diarias, organízanse mitins de ferroviarios para protestar polos abusos da patronal, ingresan na Unión as sociedades dependentes de comercio e banca de Ourense, Celanova, Verín e Allariz e organízanse mitins de protesta contra a “Ley de Jurisdicciones” e contra a guerra sostida con Marrocos.

Será no mitin celebrado na Alameda, no mes de xuño de 1913, cando Manuel Suárez comparta cartel con Isaac García, Antonio Álvarez, Segundo Garrido e Heriberto Pérez, Presidente da Sociedade de Dependencia Mercantil, que será elixido Presidente da Agrupación Socialista de Ourense, en substitución de Antonio Álvarez Cid, uns meses máis tarde. Suárez centrará a súa intervención no problema do servizo militar que, debido ó sistema de selección en vigor, afectaba ás clases menos favorecidas.

Neste activo verán de 1913 iniciaranse tamén as obras da Casa do Pobo, farán folga carpinteiros e canteiros, visitará a cidade Vicente Barrio para celebrar un mitin para os ferroviarios e verá a luz o primeiro semanario socialista de Ourense, El Vértigo, dirixido polo socialista Heriberto Pérez.

Lonxe de ser este un ano “tranquilo”, a celebración de elec- cións a Cortes no mes de febreiro de 1914 provocan o enrarecemento do clima político e traen consigo a convocatoria dun paro xeral contra a xestión da Deputación, e mesmo que o propio Pablo Iglesias tente impugnar a elección de Isidoro Bugallal.

Pero será en setembro deste mesmo ano cando aconteza o que tal vez sexa o máis importante momento da vida política de Manuel Suárez, a visita de Pablo Iglesias á cidade de Ourense.


A INFLUENCIA DA FIGURA DE PABLO IGLESIAS EN MANUEL SUÁREZ: O SEU EPISTOLARIO

Os días 21 e 22 de setembro de 1914 Pablo Iglesias da tres mitins na provincia de Ourense xa cando vai de camiño a terras madrileñas. Bande, Celanova e Ourense serán as localidades que teñan a oportunidade de escoitar os discursos do “Abuelo”, nun contexto marcado pola suba do prezo do pan e a carestía dos produtos de alimentación básicos.

Sen dúbida a súa presenza debeu deixar fonda pegada nun mozo Manuel Suárez que iniciaba a súa nova labor de correspon- dente de “El Socialista” empapado no ideario socialista.

Así, a partir deste primeiro encontro, nace o epistolario entre Pablo Iglesias e Manuel Suárez. Este constará de 60 cartas escritas entre outubro de 1914 e xullo de 1925, tres meses antes da morte de Iglesias.



Actualmente este epistolario consérvase na Fundación Luís Tilve por expreso desexo de Dolores Suárez Bretaña, filla de Manuel. Este conxunto de cartas mostran a un Manuel Suárez preocupado por realizar un bo traballo como difusor do ideario socialista, por mellorar a súa competencia política e por aprender do seu novo mestre. Iglesias, pola súa banda, dende o primeiro momento faille fincapé na necesidade de que adquira un bo nivel cultural para poder desempeñar eficazmente a súa labor política e sindical en beneficio de tódolos obreiros.

Sen dúbida, Pablo Iglesias estaba ó tanto dos progresos que o socialismo experimentaba na provincia de Ourense e actuaba coma conselleiro de Manuel, a quen indicaba cal debía ser o seu proceder en certos aspectos da vida societaria.

É innegable, polo tanto, o decisivo peso que Pablo Iglesias tivo na implantación do socialismo en Ourense, ó que prestaba apoio directo carteándose con persoeiros afíns ó socialismo coa esperanza de que ingresaran na Federación, marcando as pautas de como se debera desenvolver na provincia a relación coas Sociedades Agrarias e mesmo brindando calquera outra colaboración dende o seu escano nas Cortes.

De feito, tras a súa visita en setembro de 1914, o socialismo ourensán experimenta un notable impulso, organizándose as sociedades de panadeiros e curtidores en Celanova, a de agricultores de Lobeira e aumentando o número de afiliados da Agrupación Socialista de Ourense. Iglesias sempre incidirá na necesidade de aumentar o número de suscriptores de El Socialista, por ser este o principal vehículo do ideario socialista e por ser o principal medio de financiamento do PSOE naquel tempo, xunto coas correspondentes cotas de asociación, sempre insuficientes.

Durante o seguinte ano de 1915, os socialistas ourensáns centrarán os seus esforzos en combater a suba dos prezos, denunciar os efectos da I Guerra Mundial, establecer un quiosco para a venda de El Socialista, presentar candidatura para as eleccións municipais e neutralizar as primeiras accións da CNT entre as sociedades obreiras, especialmente entre os carpinteiros.

No ano 1917 a crise inflacionista, a precariedade dos soldos dos traballadores e o aumento da conflitividade social, en definitiva, o esgotamento do sistema restauracionista, levan ós elementos obreiros ó enfrontamento directo co Goberno.

O 27 de marzo dese mesmo ano, a UGT e a CNT firman un manifesto que leva por título EL PROLETARIADO ANTE LA NACIÓN dirixido os traballadores e ó país en xeral, onde piden solucións efectivas ás demandas da clase obreira. José Gómez Osorio e Manuel Suárez encabezarán este manifesto en representación da Federación Socialista de Galicia. Ese mesmo día Gómez Osorio e Largo Caballero dan un multitudinario mitin en Madrid, acadando eco en toda a Península.

Dada a situación, Romanones suspende as garantías constitucionais, denuncia o manifesto, ordena encarcerar ós delegados e oradores do mitin e pecha a Casa do pobo de Madrid.

A tensión aumenta ata límites insospeitados e os Comités Nacionais da UGT e o PSOE convocan o 12 de agosto unha folga xeral con carácter indefinido, lanzando o manifesto A LOS OBREROS Y A LA OPINIÓN PÚBLICA, firmado por Largo Caballero e Daniel Anguiano, pola UGT, e Julián Besteiro e Andrés Saborit, polo PSOE.

Segundo consta no epistolario entre Manuel Suárez e Pablo Iglesias, varios obreiros ourensáns sufrirán prisión e mesmo falecerá un a mans da Garda Civil. Tamén Manuel Suárez sufrirá prisión dende finais do mes de decembro de 1917 ata febreiro de 1918, intercedendo directamente Pablo Iglesias na súa liberación.

En outono de 1919 a Agrupación Socialista comeza a experimentar as primeiras divisións internas, que se saldarán nos próximos anos coa escisión dalgunhas das sociedades obreiras da UGT e da Agrupación Socialista, que xa no ano 1922 non existe.

Lembremos que o 13 de abril de 1921, no III Congreso Extraordinario do PSOE, escenifícase a escisión dun importante número de afiliados socialistas, creándose así o Partido Comunista Obrero Español. As repercusións deste feito histórico tamén se deixarán ver en Ourense.

Así as cousas, Pablo Iglesias encoméndalle persoalmente a Manuel Suárez a reorganización da Agrupación Socialista de Ourense, obxectivo que acadará en agosto dese ano 1922.

O 9 de decembro de 1925 morre Pablo Iglesias, que escribira por última vez a Suárez Castro o 30 de agosto.

O SOCIALISMO OURENSÁN DURANTE OPRIMORIVEIRISMO E A CHEGADA DA II REPÚBLICA

Dende o agosto de 1922 en que se reorganiza a Agrupación Socialista, o movemento obreiro socialista experimenta un notable crecemento. Así, por exemplo, a UGT pasa de ter uns 334 afiliados en 1918 a 963, como afirma Gèrard Brey.

Manuel Suárez, líder da Sociedade de Canteiros e dirixente máximo do PSOE, mesmo acadará ser elixido concelleiro en Ourense nas últimas eleccións democráticas celebradas antes da instauración da ditadura de Primo de Rivera. O certo é que a chegada da ditadura será ben acollida entre os elementos políticos da cidade, especialmente por pensar que a súa chegada significaría a fin do enraizado caciquismo da Restauración. O socialismo español, e por suposto o ourensán, aínda non aceptando abertamente a ditadura, adopta unha táctica colaboracionista, deixando as estratexias violentas para situacións límites e permitindo que o réxime persiga abertamente ó seu principal inimigo, os sindicatos anarquistas.

Un dos fitos sociais máis importantes na vida societaria dese momento sería a inauguración da Casa do Pobo. Xa dende 1913 constituía un obxectivo importante para tódalas sociedades obreiras e, dalgún modo, símbolo do triunfo do asociacionismo obreiro. O Primeiro de Maio de 1929 inaugúrase o emblemático edificio coa presenza dos principais dirixentes sindicais e socialistas. Entre outros, acudirán Manuel Suárez, Froilán Fernández, José María Cid, José Ferro e Antonio Viejo. O programa da festa inaugural incluía a actuación da Coral de Ruada e a conferencia de Antonio Fabra Rivas sobre o movemento cooperativo e a crise económica e social.


Por aquel entonces, Suárez era membro do Consejo del Trabajo e ocupaba un posto de vocal na Junta Provincial de Abastos, aínda que pronto –concretamente o 26 de febreiro de 1930 tras a dimisión de Primo de Rivera– sería novamente concelleiro por designación da Casa do Pobo para representar ó seu partido.

Agora o xeneral Berenguer sería o encargado de restablecer a vella política restauracionista, instaurando de novo a Constitución de 1876. Pero as esquerdas e os republicanos, xunto con sectores liberais e intelectuais e a deserción pública da monarquía de persoeiros coma Miguel Maura, Niceto Alcalá Zamora, ou Sánchez Guerra, porán claramente en cuestión á monarquía.

Paralelamente a esta disolu- ción da monarquía, as forzas republicanas e socialistas organizan un encontro en San Sebastián o 27 de agosto dese mesmo ano coa fin de analizar a situación actual e tentar acelerar o proceso de caída da monarquía.

O 15 de decembro de 1930, os capitáns Galán e García Hernández realizan un pronuncia- mento en Jaca que será dura- mente aplacado, converténdoos nos mártires da loita republicana. Do mesmo xeito, será encarcera- da a cúpula republicana no cárcere da Modelo.

Desesperado, Alfonso XII encárgalle as tarefas de goberno ó almirante Aznar, quen convocará para o mes de marzo de 1931 eleccións municipais.

Enfebreiro de 1931 celébranse os plenos nacionais do PSOE e a UGT, nos que se analizaría a situación do momento e se adoptarían as posturas oportunas para afrontar o próximo período electoral. Manuel Suárez, en representación da UGT en Galicia e na compaña de Heraclio Botana, acudirá a tan decisiva asemblea. Nesta, escenificáronse as tensións internas que se vivían no interior do PSOE e a UGT, rematando coa dimisión de Julián Besteiro –presidente da Comisión Executiva do Partido e a Unión– que non aprobaría a colaboración co resto das forzas antimonárquicas.

Seguindo as decisións adoptadas polo Partido e o Sindicato, Manuel Suárez concorrerá ás eleccións nunha candidatura de coalición republicano-socialista á que tamén se sumarán galeguistas e agrarios. Pese ós esforzos realizados pola conxunción republicano-socialista, os resultados en Ourense arroxan o triunfo das forzas conservadoras, quedando configurada a Corporación Municipal por 9 conservadores, 4 monárquicos, 6 republicanos, 4 socialistas e 1 agrario, este último afín á causa socialista, segundo todo indica. 

No resto da provincia o PSOE acadará uns 33 concelleiros, acadando incluso varias alcaldías.

Malia todo, o espírito republicano invade as rúas ourensás e proclámase a República o 14 de marzo de 1931, coa celebración dunha gran manifestación e o discurso de Luís Fábrega, Presidente da Federación Republicana.

A LABOR POLÍTICA E SINDICAL DE MANUEL SUÁREZ CASTRO DURANTE A REPÚBLICA

O 16 de abril constitúese a Xunta provisional administrativa da República no Concello de Ourense na que sae elixido como Alcalde en funcións Luís Fábrega (republicano). Dez días máis tarde quedará constituída definiti- vamente a corporación municipal, elixíndose como alcalde ó republicano Antonio Álvarez do Pazo e como Primeiro Tenente-Alcalde ó socialista Manuel Suárez, quen obtivo 12 votos para a súa elección.

Na sesión do día 29 formaranse as Comisións Permanentes do Concello; Suárez ocuparía un escano en tres das dez creadas: Facenda, Policía Urbana e Policía de Abastecementos, todas elas comisións de vital importancia na administración do poder local. Do mesmo xeito, será nomeado Presidente da Junta de Solares e Vocal da Junta Local de Primera Enseñanza.

O 6 de maio Manuel Suárez tomará posesión do seu escano como Deputado Provincial e Vicepresidente da corporación, sendo nomeado membro das comisións de Facenda, da Xunta Provincial de Transportes, representante en poxas e concursos, suplente como representante da Comisión Xestora para a Construción da Leprosería Rexional do Noroeste e Deputado-Visitador do Hospital. Posteriormente será tamén designado representante na Xunta Provincial de Beneficencia.

Como podemos ver, dende os diferentes cargos ou postos políticos ocupados durante este período, tanto no Concello coma na Deputación, efectuou unha política eminentemente social baseada na modernización das infraestruturas, o saneamento das principais rúas da cidade, a mellora na calidade de atención dos servizos médicos do Hospital coa achega de medios materiais e persoais, ou o impulso da Escola de Artes e Oficios. Tampouco podemos esquecer a importante labor que efectuou no desenvolvemento do comercio local, tendo en conta especialmente a construción da actual Praza de Abastos, da que foi o principal impulsor.

Realmente vívese un momento de efervescencia política e sindical que o socialismo saberá aproveitar en beneficio propio, como poderemos ver.

En xuño de 1931 celébranse eleccións ás Cortes Constituíntes da República. A Ourense corres- pondíalle escoller a 9 deputados, para ós que se presentaron a coalición formada pola ORGA, Partido Radical-Socialista e o Partido Nazonalista, e, de forma independente, o Partido Radical, o PSOE e outras dúas candidaturas. O socialismo acadará por primeira vez un escano na provincia de Ourense, que ocupará o avogado ferrolán Alfonso Quintana Peña, dirixente da UGT.

Aínda que inicialmente estaba previsto concorrer ás eleccións en coalición cos republicanos, a falta de acordo obrigou ós socialistas a presentárense en solitario, contando unicamente co apoio da UGT e as forzas agraristas que lle eran afíns. Na xuntanza realizada na Casa do Pobo o día 4 de xuño en presenza de 32 sociedades agrarias de toda a provincia, serán designados coma candidatos Alfonso Quintana e Manuel Suárez, quen non logrou saír elixido.

Malia todo, a forza do socialismo era máis ca evidente. Controlaba a Casa do Pobo a través das diferentes sociedades obreiras –na súa maior parte afiliadas á UGT–, que dun tempo para aquí aumentaban en número e afiliación por toda a provincia, especialmente as agrarias.

Outro síntoma da fortaleza do movemento obreiro nestes intres foi a reorganización da Federación Local da UGT en Ourense e das Xuventudes Socialistas. Así por exemplo, a finais dese mesmo ano, cando menos 10 sociedades forman parte desa Federación: Peóns e Braceiros do Campo, Xastres, Canteiros, Ebanistas, Dependentes Mercantís e Bancarios, Panadeiros, Obreiros e Empregados Municipais, Oficios Varios, Albaneis e Camareiros.

Os socialistas ourensáns comprenden perfectamente que deben ampliar a súa base social se queren ver fortalecida a súa posición. Deben difundir o ideario socialista por tódolos recunchos da provincia. En cada vila, en cada aldea deben organizarse sociedades agrarias ou de oficios varios coa única fin de loitar con- tra o caciquismo e os abusos aínda imperantes. Con esa fin nace, a finais de agosto de 1931, La Lucha. Órgano de la Agrupación Socialista y la Federación Agraria de la Provincia de Ourense, que actuará coma voceiro dos socialistas. Así podemos ler, na sección dedicada ós labregos galegos do seu primeiro número, o seguinte:

“La democracia Socialista gallega para desarrollarse necesita penetrar en el campo, organizándolo de manera conveniente para crear un sentimiento profundo de solidaridad entre los pequeños labriegos. Los agricultores forman la mayoría de la población gallega; su vida es triste, peligrosa, dolorosa; hasta el presente nadie se ocupó sinceramente de mejorarla, y fueron muchos los que especularon con sus sufrimientos engañándolos, y es necesario que el socialismo tome sobre si la tarea de organizarlos serena y seriamente para que, ellos mismos, como consecuencia de la labor de la organización alcancen su redención.”

O 17 de outubro de 1931 celébrase en Monforte o Congreso Extraordinario de Colectividades Socialistas de Galicia, na que están representadas 35 seccións por 69 delegados, en delegación de 2360 afiliados. Presidirao Manuel Suárez. O obxectivo principal do mesmo será fixar a postura do partido respecto da cuestión autonomista, dando como resultado un manifesto no que, grosso modo, se sostén que “el sentimiento de autonomía no es en el momento actual necesidad de Galicia”. Como moi ben sabemos, esta posición mudará anos máis tarde, apoiando o Estatuto de Autonomía de Galicia referendado no ano 1936.

Un fito que debe ser destacado nesta etapa republicano-socialista será a creación da Caixa de Aforros Provincial de Ourense. O 10 de marzo de 1932, coa proposta no Pleno da Cámara Provincial do Presidente da Deputación, Luís Fábrega, comezará a andaina desta emblemática institución, da que Suárez tamén sería fundador. Apenas un ano máis tarde, este proxecto faríase realidade coa inauguración da primeira sé da Caixa de Aforros, nos baixos do Pazo Provincial, o día 20 de maio de 1933. Canto as bases xurídicas, económicas e administrativas, seguiu as pautas marcadas por Alexandre Bóveda para a constitución da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra.


No ano 1932 o PSOE da provincia de Ourense conta con 13 agrupacións e 407 afiliados. Aínda que todo parece irlle ben tanto ó partido coma a UGT, a partires deste ano irrompe o que será o seu maior rival político por entón, o comunismo. Lembremos que en abril de 1921 producírase unha escisión no seo do Partido Socialista liderada polos chamados “terceiristas”, é dicir, os partidarios de que o PSOE ingresara na III Internacional Comunista pero que, non logrando o seu obxectivo, crearán o Partido Comunista Obrero Español.

Practicando unha política que podemos denominar “entrista”, os comunistas van pouco a pouco facéndose co control de parte das sociedades obreiras da provincia de Ourense, especialmente na de ferroviarios, tradicionalmente máis combativa e que en marzo de 1932 protagonizara unha folga xeral ante o temor da paralización das obras do ferrocarril que chegaba dende Zamora. Deste xeito, froito da radicalización das posturas na Casa do Pobo, a Sociedade de Canteiros abandonará a UGT, á que lle seguirán a Sociedade de Obreiros e Dependentes Municipais, Panadeiros e Camareiros, e mesmo dimitirá Bernardino Álvarez como Presidente da Casa do Pobo, desbancado polos novos dirixentes comunistas.

Canto ás dereitas, reorganizaríanse con gran rapidez xa dende o ano 1931, creando Acción Ciudadana Gallega, que posteriormente se integraría na CEDA.

En novembro de 1933 celebraranse novas eleccións a Cortes e as dereitas son as listas máis votadas. O Partido Socialista, debido o desgaste producido polo problema do ferrocarril e ó afastamento entre as bases e os dirixentes, non obtén representación.

A partires deste momento advírtese a radicalización de certos sectores do movemento obreiro, especialmente nas Xuventudes Socialistas, dirixidas polo largocaballerista Ramón Fuentes Canal. En febreiro de 1934 fórmase o Frente Único, entre os que figuraban as Xuventudes Socialistas e Comunistas, o Grupo Anarquista Local, a Radio de Ourense do PCE e outras organizacións sindi- cais afíns á UGT. Con todo, a unidade entre os distintos sectores sería só relativa.

A tensión acumulada durante os últimos meses estalará coa folga revolucionaria de outubro de 1934, que se saldará con numerosas detencións, co peche da Casa do Pobo e o desterro de Manuel Suárez Castro da cidade de Ourense ó atribuírenselle a responsabilidade do paro ó diciren que non se tomarían represalias contra os folguistas. No seu desterro acompañarano os compañeiros José Fernández Pérez (concelleiro socialista), Ramiro Pérez Serrano (sindicalista e militante socialista) e Eladio Moure Rey (Secretario da Agrupación da Dependencia Mercantil e Bancaria). Segundo nos conta a súa filla, Manuel Suárez pasou o tempo de desterro no concello de Lobeira, no que existía unha importante sociedade agraria afín ó socialismo e na que residía a familia de Xaquín Lourenzo, “O Xocas”, un dos seus grandes amigos. No resto da provincia a incidencia da folga revolucionaria foi desigual.

A CHEGADA DO FASCISMO A OURENSE E A MORTEDE MANUEL SUÁREZ CASTRO

En febreiro de 1936 convócanse novas eleccións nun clima especialmente radicalizado. Os resultados na provincia de Ourense non foron sensiblemente diferentes ós das eleccións de 1933, testemuñándose unha ampla vitoria das dereitas. Con todo, o novo Gobernador Civil, saído do triunfo frontepopulista, por orde do Ministerio de Gobernación procederá á reposición en tódolos Concellos dos cargos electos nas eleccións do 12 de Abril de 1931. É así como Manuel Suárez Castro volve a ocupar o seu posto como Concelleiro e Primeiro Tenente-Alcalde na cidade de Ourense, ocupando a Alcaldía en funcións. Con motivo da súa reposición no Concello, e segundo conta na acta do concello dese día 21 de febreiro de 1936, Manuel Suárez fará constar as seguintes verbas:

“En el año 1931, el pueblo de Orense emancipándose de un caciquismo tradicional había impuesto un Ayuntamiento republicano-socialista, el que durante sus actuaciones demostró su celo en todos los órdenes de la administración, pues aún sus enemigos políticos más irreductibles no pudieron tacharles de haber obrado con bajos fines, incluso en las cuestiones de personal, pues ni uno solo de sus amigos fue colocado en el Ayuntamiento; y lo mismo de parte del Alcalde que de la mayoría se guardaron a todos los elementos consideraciones y respeto que no fueron correspondidos, puesto que a consecuencia de las elecciones legislativas de 1933, fueron más tarde decapitados los concejales de elección popular, olvidando los miramientos que ellos habían observado, y falsos republicanos y verdaderos esquiroles vinieron a usurparles los puestos. Confirma que la actual Corporación viene con el compromiso de deshacer los desaguisados que aquellos hubieran cometido y hacer como siempre administra- ción honrada e inteligente.”

Coma dicíamos, o clima de radicalización que se vive nesta primavera de 1936 vese ade- mais agravado por diferentes conflitos sociais. A folga na Fundición Malingre, a do ferrocarril Zamora-Ourense-Coruña, a folga xeral do 13 de maio, os atentados contra as propiedades de membros das dereitas ou os enfrontamentos entre as xuventudes dos partidos proletarios e a Falanxe, entre outros, serven de pano de fondo para os primeiros movementos conspirativos.

Dende o día 16 de xullo circulaban os rumores que alertaban da posibilidade dun alzamento contra as forzas constitucionais. Esta rumoroloxía serviu para que Martin March, Gobernador da provincia de Ourense , visitase algunhas localidades ourensás con fin de organizar comités de defensa que deberan acudir á capital no caso de que isto fose certo. Malia todo, as autoridades republicanas non facían máis ca dar xenéricas recomendacións ós seus correlixionarios, confiando no entusiasmo republicano do pobo.

Martín March, seguindo as instrucións do Ministerio de Gobernación, organizará diferentes patrullas para vixiar lugares estratéxicos da cidade e os domicilios dos mandos militares máis significativos.

O día 18, acuarteladas as tropas na espera das ordes da súa División, o Gobernador Civil ordena ós Carabineiros a intensificación da vixilancia das estradas para deter ós xenerais José Sanjurjo e José de Calvacanti, que previsiblemente chegaría á provincia dende Portugal. Do mesmo xeito, ordena ós alcaldes da provincia a organización de patrullas para facer o mesmo.

Os principais representantes da Fronte Popular en Ourense reuniranse no Goberno Civil e formarán o Comité de Defensa da República, cuxa misión non sería outra que a de transmitir as oportunas consignas ós afiliados dos seus respectivos partidos ou sociedades obreiras. Entre eles, como non podía ser doutro xeito, estaba tamén Manuel Suárez.

Mentres o Goberno insistía ter controlada a situación, os membros deste comité discutía fervorosamente a conveniencia de armar ó pobo. Manuel Suárez a este respecto mantivo sempre a súa oposición, considerando que o armamento dos elementos republicanos máis radicais podería traer funestas consecuencias.

Na noite do día 18 a Comisión executiva do PSOE e o Comité Central do PCE chaman á mobilización das súas bases. A este efecto, reúnense os afiliados da Agrupación Socialista de Ourense, da que un grupo, contra o criterio da maioría, considera oportuno organizar unhas milicias cívicas en prol da defensa da orde democrática. Dirixiranse ó Goberno Civil coa esperanza de ver cumpridos os seus desexos mais, ante a negativa do Comité de Defensa da República reunido no Goberno Civil, acatarán a consigna de “non provocar”.

Nesa mesma madrugada, Martín March ordena que se permita armar ós membros das sociedades obreiras e frontepopulistas do Concello da A Gudiña coa fin de impedir a chegada de eventuais tropas sublevadas dende Zamora. Mentres tanto Juan Ros (Capitán da Garda Civil) e José Ceano (Comandante do Cuartel de Infantería) ultimaban os derradeiros aspectos do alzamento na cidade ante a inminente Declaración de Guerra.

No día 19 destacados membros do PCE, o PSOE e as sociedades obreiras desprázanse a diferentes concellos coa intención de tentar organizar a resistencia ó golpe. Esa mesma tarde, tras o chamamento á folga xeral de Largo Caballero e as insistentes peticións de armas, Martín March decide finalmente armar ó Pobo. Desgraciadamente a maior parte do armamento obraba en poder da Garda Civil, sendo unicamente posible incautar escopetas de caza e diversas municións.

O día 20, cando se recibe a noticia da declaración de guerra dende A Coruña, as forzas que custodian o edificio do Goberno Civil dispóñense a súa defensa, sendo ameazados polo Comandante Casar para que depuxesen as armas e se unisen á sublevación. Dada a situación, o Gobernador e o resto de membros frontepopulistas que se atopan con el, retíranse ó seu despacho ata a chegada do Tenente Coronel Soto, que tomará o control da provincia dende ese mesmo momento. Casar esa mesma tarde lerá o bando no que se declara o estado de guerra e ordenará a toma dos centros estratéxicos e edificios públicos da cidade.

Ante esta situación, os elementos obreiros e republicanos foxen da cidade coa esperanza de poder organizar a resistencia dende poboacións limítrofes ou buscando a axuda dos obreiros do ferrocarril de Zamora-Ourense das zonas máis orientais da provincia. Unicamente se poden apreciar pequenas accións contrarrevolucionarias na capital como o corte da estrada de Monforte, barricadas na estrada de Vigo, tiroteos na Castellana ou o corte da liña telegráfica por poñer algúns exemplos.

Controlada a situación, Soto decide poñer en liberdade a Martin March e facilitar a súa saída da cidade o día 21. Canto a Manuel Suárez, Soto permitiulle seguir á fronte da Alcaldía sen admitir a súa dimisión.

O certo é que o acontecido a Manuel Suárez seméllase en gran medida ó que a Martin March, pois ademais de non seren detido nos primeiros instantes do golpe, exerceu como Alcalde durante tres días. Non obstante, na madrugada do día 21 ó 22 dese fatídico mes de xullo de 1936, Manuel Suárez está a piques de caer en mans de tres falanxistas que acudiron ó seu domicilio para levalo as claudias. 

Grazas a negativa do sereno a abrírenlle a porta, logrará por esta vez escapar dos seus verdugos. Durante case sete meses permanecerá en paradoiro descoñecido ata que o día 16 de febreiro de 1937 é atopado oculto nun caixón de dobre fondo no seu domicilio e detido para sérenlle incoado un xuízo sumarísimo que se celebraría no paraninfo do actual instituto “Otero Pedrayo” da capital ourensá.

Segundo consta no sumario 598/1936, seralle imputado un delito de rebelión militar, sendo acusado de alentar ó gobernador para que puxese tódolos medios contra a sublevación e de elaborar un listado co nome de significados esquerdistas ós que se lles concedía unha licenza para portar armas. En definiva, foi condenado unicamente polo mero feito de ser un recoñecido defensor do ideario socialista e republicano, por ser amigo da Xustiza e a Democracia.

Tras esta cruel farsa, Manuel Suárez Castro -”Manoliño”, como todo o mundo lle chamaba de forma agarimosa- sería levado ó paredón finando ás 06,30 horas dun infausto 27 de xullo de 1937. Afortunadamente tería a oportunidade de facerlle chegar á súa familia unha última e sentimental carta da que, por expreso desexo dos seus familiares, reproducimos un fragmento:



“Dile a mis hijos siempre (a Celidonia, súa esposa) y en todo momento de que su padre perdió la vida de una manera violenta, no por ser ladrón, ni asesino, ni un mal ciudadano y que fue al contrario, perdió la vida por ser persona decente amante de todos sus ciudada- nos, sin fijarse nunca en el ideal que tenían ni en su condición social, muriendo convencido , que esta es la razón suprema por la que me hacen desapare- cer, porque en la España que quieren crear no tienen cabida las personas de buenos senti- mientos, amantes de la familia y que jamás ni de hecho ni por el pensamiento, pretendió hacer desaparecer a ningún ser humano.”



A MODO DE CONCLUSIÓN : MANUEL SUÁREZ CASTRO, ENTRE A ÉTICA MASÓNICA E A PRAXE SOCIALISTA

Non todo o mundo sabe que Manuel Suárez formaba parte da Orde Francmasónica. Segundo as investigacións do profesor Valín, o 25 de abril de 1929 sería iniciado como masón na asturiana loxa Jovellanos nº1, adoptando o significativo nome simbólico de Jaime Vera, coñecido médico marxista salmantino que, xunto con Pablo Iglesias, fundaría o Partido Democrático Socialista Obrero.

Como sabemos, Manuel Suárez sempre fixo gala dun carácter conciliador e moderado que non poucas veces lle trouxo dores de cabeza. Seguidor da liña prietista do seu partido, foi acusado polos elementos máis esquerdistas de moderado e mesmo burgués, chegando incluso a ser expulsado da Casa do Pobo por este motivo.

Congruentemente, Manuel Suárez sempre tentou impregnar o seu traballo político da ética masónica, centrada no librepensamento, na moral, no respecto e a tolerancia, no diálogo e a fraternidade, na xustiza e a paz; ideas nas que baseaba o seu modo de vida. A rectitude, o equilibrio e a mesura das súas decisións, a xustiza e a bonhomía con que tratou sempre ós seus veciños non deben ser entendidas coma un signo de moderación política, senón coma o seu persoal intento de axudar a construír un mundo mellor.

Manuel Suárez estivo afiliado ó triángulo Adelante nº 7 –que posteriormente pasaría a converterse na loxa Constancia nº13–, onde compartiría as súas inquedanzas cos seus “Irmáns” e correlixionarios José Fernández Pérez (Concelleiro socialista, Presidente da Agrupación Mercantil da UGT, Vocal da Xunta Provincial da Liga de los Derechos del Hombre, á que pertencía Suárez; Vicepresidente da Xunta Protectora da Escuela Láica Neutral de Orense e Presidente da Agrupación Socialista de Ourense en 1935), Ramiro Pérez Serrano (destacado uxetista), Luís Izquierdo Balbuena, Eladio Moure Rey (Secretario da Sociedade de dependencia Mercantil e Bancaria da UGT e destacado socialista) ou Ramón Nespereira Dacoba.

Tamén nesta loxa Constancia nº 13 militarían destacados políticos e persoeiros da vida social ourensá de diversa afiliación tais como: Abdón Vide Villanueva, Hipólito Sinforiano Luengo, José Galán Fontela ou Pedro Martínez Ruano, por citar algúns.

Posiblemente Manuel Suárez non fose un intelectual, pero si foi un home leal e honesto que con traballo e sacrificio se fixo a si mesmo. Nel sempre aniñou o desexo de mellorar, de cultivarse e desenvolver as súas potenciali- dades na medida en que iso lle fora posible, buscando non só o seu melloramento persoal, senón tamén o beneficio da sociedade á que servía de forma altruísta. Ese foi o seu gran erro, loitar contra as inxustizas, defender a democracia e pensar por si mesmo.

FONTES:
  • Arquivo Militar de Ferrol, causa 598/1936.
  • Documentación persoal da familia Suárez Bretaña.
  • Arquivo da Fundación Luís Tilve.
  • Arquivo da Deputación de Ourense. - Arquivo Municipal de Ourense.
  • Xornal La Lucha.
  • Xornal El Socialista.

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz