Semana do feminismo e o socialismo (VII): Hildegart Rodríguez Carballeira ("La Virgen Roja")

Moitas e notables foron as mulleres que ao longo da nosa historia se comprometeron coa causa feminista desde un socialismo activo e militante, abrindo traballosamente e con incansable ánimo a senda do inacabado camiño da igualdade de xénero. É por iso que, aproveitando as celebracións do Día da Muller, desexamos facer preesente as vidas dalgunhas destas heroínas en boa medida descoñecidas para o grande público. 

Malia que desexariamos poder escribir unha entrada de propia autoría sobre cada unha delas, o certo é que nos vemos na obriga  por falta de tempo de recorrer ao notable traballo que outros fixeron antes que nós e que tan noblemente serve para o fin que nos propoñemos. 

Divulgaremos unha entrada diaria desde o día de hoxe ata o próximo día 10, día sinalado no cal a Secretaría  Provincial de Igualdadedo PSdeG-PSOE de Ourense celebrará os actos de homenaxe ás mulleres socialistas que -auguramos- terá unha grande carga emotiva e simbólica para todos os que cremos nos principios da igualdade de xénero. 

Espero que vos gusten estas entradas e as divulguedes na medida do posible entre os vosos contactos, pois só así se cumplirá o obxectivo real desta iniciativa, dar visibilidade ao compromiso que tiveron as mulleres do Partido Socialista coa loita pola igualdade de dereitos e liberdades entre homes e mulleres.  

Vai por elas! Vai por todas vós! 

Javier Quintas
Sº de Memoria Histórica da Agrupación Provincial do PSdeG- PSOE de Ourense

Hildegart Rodríguez Carballeira ("La Virgen Roja")


Hildegart foi a obra real das ideas preconcibidas da súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira. Aos dez meses xa lle aprendía as letras cun crebacabezas e aos once meses falaba bastante ben. Segundo as declaracións da nai, aos 22 meses xa lía e con tres anos tocaba o piano a catro mans con ela e fixo o primeiro escrito: unha carta para o pai. Con catro anos aprendeu a escribir a máquina, decontado iniciouna no estudo do inglés e a mesma nai explicáballe a reprodución sexual das plantas e os animais para acostumar a nena á normalidade de todos os feitos vitais e porque pensaba que a muller pérdese polo sexo.

Aurora levou a Hildegart a un colexio relixioso porque era o único xeito de poder entrar no ensino secundario e despois no universitario, hai que ter en conta que desde 1923 España sufría a ditadura de Primo de Rivera.

No 1924 Hildegart cursou o primeiro curso do bacharelato e elixiu para estudar o idioma alemán, fixo os estudos secundarios en catro anos, cando rematou falaba francés e inglés e traducía latín, alemán, portugués e italiano. No 1925, con só once anos, pronunciou un discurso na Sociedade de Protección de Animais e Plantas de Madrid, escrito pola nai, como é de esperar, e obtivo o primeiro diploma.

Con catorce anos ingresou na universidade para estudar Dereito á vez que a nai xa lle manda escribir e participar na vida pública. O ano 1932 rematou a carreira e puxo un bufete propio aínda que a lei non lle permitía exercer ata cumprir os vinte e un anos. Tamén tiña algo aprobado de Filosofía e Letras e Medicina. En setembro do 1932 debía trasladarse a Xenebra como delegada das Xuventudes Socialistas no Congreso Internacional e en febreiro do ano seguinte pensaba ir a América do Sur para dar unhas conferencias, pero a mala relación co Partido Socialista e coa nai impediuno. 

Era decembro do 1928 cando ingresou no Ateneo de Divulgación Social de Madrid e en xaneiro do 1929 Aurora inscribiu a filla nas filas do Partido Socialista e na Sociedade de Oficios Varios da UXT. Hildegart comezou a facer campañas para difundir a euxénese, a maternidade responsable e a reforma da moral sexual, por aí coñeceu os principais sexólogos do momento: o alemán Hirschfeld e o inglés Hevelock-Ellis. España saíra da ditadura de Primo, pasaba pola de Berenguer camiño da segunda República, que se ía proclamar en abril do 1931. 

Polos anos trinta a nai fíxolle unha campaña nos xornais e revistas para dar a coñecer á súa filla, e foi por iso que saíu nos xornais El Socialista, Heraldo de Madrid e La Libertad pero non na revista Crónica que tanto desexaba Aurora.

O primeiro libro de carácter social que publicou Hildegart foi El problema eugénico: punto de vista de una mujer moderna, editoullo Gráficas Socialistas no 1930. Estaba dedicado aos obreiros en xeral e aos compañeiros das Xuventudes Socialistas en particular. Ao mesmo tempo colaboraba no xornal El Socialista e na revista da Federación das Xuventudes Socialistas Renovación; foi procesada por un artigo de carácter antimilitarista publicado na citada revista. 

A actividade era febril, non paraba e se non puido gozar da infancia tamén ía camiño de perder a xuventude. A programación implacable da nai impedía calquera tempo de "dolce far niente" ou de divertirse cos rapaces ou rapazas da súa idade. Ela asumía os proxectos da nai como se fosen propios, por iso di: Pienso terminar las carreras que estoy cursando. Escribir muchos libros, la mayoría de ellos sobre temas sexuales. Soy la primera mujer en España que aborda científicamente el problema, y aspiro a superarme, desarrollándolo cada vez con mayor amplitud. En torno a él daré varias conferencias en España. Después marcharé a América, probablemente al Uruguay y a la Argentina el año próximo. Tengo un gran interés por visitar Rusia, pero no en viaje breve sino con cierto detenimiento. O seu era ler e ler, preparar mitins, escribir artigos e libros e xa, no derradeiro ano, exercer a crítica política no xornal anarquista La Tierra. Polos meus estudos e investigacións, coido que foi a primeira muller que escribiu sistematicamente crítica ao Goberno e ao partido no poder. Desde finais de 1932 e ata que a nai a asasinou en xuño do 1933 Hildegart arremeteu de forma desapiadada contra a política socialista, o problema estaba en que sempre lle parecían poucos os cambios, pedía máis e máis, que se cumprisen as promesas electorais e que non virasen os responsables nin se deixasen levar polo "socialenchufismo".

Os escritos de Hildegart eran aceptados por un sector e rexeitados por outro ao que cualificaba de "turbonada reaccionaria", que lle debeu facer ben de dano en máis dunha ocasión, pois despois de publicar La Rebeldía sexual de la juventud explicou: ... los redentores siempre han tenido mala suerte. Por eso yo no quiero meterme a redentora de los demás. Me creo redimida a mí misma y quiero señalar a los otros el camino de su liberación. Nada más. 

Na entrevista que lle publicou El Socialista combate o voto feminino naquel momento en que se empezaban a aprobar medidas anticlericais, afirmaba Hildegart que o voto da muller ía ser de dereitas e retrotraería a situación a tempos anteriores á República. 

No ano 1932 montouse en Madrid a Liga por la Reforma Sexual sobre bases científicas e nomearon secretaria a Hildegart. Eran membros entre outros: Marañón, Sánchez Covisa, Jiménez de Asúa, Vital Aza, etc. Hildegart nese tempo intentaba certa independencia da súa nai e fai algún proxecto prescindindo dela. 

O 9 de xuño de 1933, Aurora Rodríguez dálle morte á súa filla Hildegart. Creo que a arela de independencia desta última foi o motivo que levou a Aurora a matala. Condicionada pola paranoia que soportaba non foi quen de respectar o éxito da súa obra. Aí tiña unha muller que DESEXABA SER LIBRE ata o final. 

Hildegart desapareceu pero quedaron os seus libros, en gran parte na Biblioteca do Ateneo de Madrid, que nos revelan o seu pensamento, sen ser capaces de diferenciar a parte que corresponde á nai da parte que corresponde á filla.

FONTE:

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz