Como moi ben indica Marcos Valcárcel na súa tese aínda inédita, “a historia do primeiro socialismo ourensán está intimamente ligada á evolución do obreirismo local”. Pese a que dende o ano 1872 os escasos elementos máis progresistas e vencellados ao republicanismo da cidade de Ourense tentaran espallar o ideario da Iª Internacional, haberá que esperar ao ano 1885 para que se cree a Federación Local de la Iª Internacional. Ese mesmo ano chegara a Ourense en demanda de traballo o tipógrafo Antonio Díaz, quen se empregaría na imprenta Rionegro. Segundo todo parece indicar, este home posiblemente viñera fuxindo dalgunha outra localidade galega polas súas ideas progresistas. Pouco tempo despois fundaría, xunto cos irmáns Cadavid e Antonio e Pablo Abad, a Sociedad Obrera Orensana, cuxo domicilio social se atopaba na chamada Casa Gullón, propiedade de José de las Cuevas. Non tardou en ver a luz El cuarto estado, semanario órgano de dita sociedade elaborado por un pequeno grupo ...