Socialistas na guerrilla antifranquista de Galicia


Artigo que tan amablemente publicou Nós Diario no coleccionable que fixo sobre as guerrillas antifranquistas en Galicia (10/12/2021).

SOCIALISTAS NA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA DE GALICIA

Javier Quintas – Fundación Luís Tilve


A sublevación de 1936 tivo como consecuencia a descomposición das organizacións socialistas de Galicia e a feroz represión dos seus afiliados co único obxecto de infundir terror na poboación e facer desaparecer ao contrario eliminando calquera forma de disidencia mediante o asasinato, a tortura ou encarceramento. Malia todo, algúns socialistas lograron ocultarse ou fuxir das primeiras ondas represoras, incorporándose nalgúns casos ás primeiras partidas que se foron organizando por toda Galicia.


SEN DISCIPLINA NON HAI VICTORIA: DA ORGANIZACIÓN DA FEDERACIÓN DE GUERRILLAS LEÓN-GALICIA Ó EXILIO (1939-1947) 

O terror infundido era de tal envergadura que, aqueles socialistas que non sucumbiron ós paseos, ás malleiras e ó presidio durante os primeiros anos da guerra, sobreviviron agochados nos seus domicilios ou no monte buscando pasar completamente desapercibidos, cando non directamente buscando a ocasión oportuna para fuxir cara Portugal, cara o bando republicano á través da veciña fronte asturiana ou mesmo cara Francia.

Entre os anos 1937 e 1939 republicanos galegos de toda condición e ideoloxía política emprenderon con diferente sorte a fuxida do territorio galego controlado polos franquistas co obxecto de salvar a súa vida e unirse ás forzas republicanas, permanecendo na memoria, só por poñer algúns exemplos, as evasións marítimas de embarcacións como o “San José nº 2”,  “La Golondrina”, “Ciudad de Montevideo”, “El As” ou os bous “Tiburón” e “Ramón” (Pereira, 2011). O fracaso total ou parcial dalgunhas destas fugas provocaron a formación das primeiras partidas guerrilleiras, formadas maioritariamente por aqueles homes que lograran salvar a vida tras diferentes enfrontamentos coas forzas da Garda Civil que os asexaban ou que desde os primeiros momentos do golpe se ocultaran nos montes das áreas orientais das provincias de Lugo, Ourense, Asturias e León.

Tal é a orixe, sen ir máis lonxe, das partidas lideradas polos socialistas Manuel Girón ou Marcelino Fernández Villanueva “O Gafas”, que tras a caída da fronte asturiana en 1939 e o fracaso da operación de saída de excombatentes  organizada polo tamén socialista asturiano José Fernández Flórez, acabarán unindo as súas forzas e establecendo o seu centro de operacións nos paraxes de A Morteira e A Bruña, nos vales de Casaio (Ourense), e que terminarán sendo coñecidos como a “Cidade da Selva”. Como nos conta Macías (2020), no outono-inverno de 1941 levouse a cabo a organización das guerrillas leonesas, asturianas e galegas que culminaría na creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, que serviría de modelo para outras que se formarán polo territorio español.

Actuaba nas zonas do Bierzo, Sanabria, leste de Ourense -fundamentalmente Viana do Bolo, Trives e O Barco- e o surleste de Lugo – A Fonsagrada, Becerreá e Quiroga- e, malia o seu carácter pluripartidista, era claro o predominio dos socialistas, de entre os que en diferentes momentos podemos destacar a Marcelino Fernández “O Gafas”, Manuel Girón, César Ríos Rodríguez “Sembrador”, Mario Morán Gracía “Karenine”, Mario Rodríguez Losada “Pinche” ou “Mario de Langullo”, Silverio Yebra Granja “O Atravesado”, Hilario Álvarez Méndez “Bienvenido”, Abel Ares Pérez “Sancristóbal”, Federico Canduela Mediavilla, Pedro Juan Méndez “Jalisco”, Manuel Castro Tellado, Antolín Murias, Etelvino Fernández Fernández, Benigno García López “O Vello”, Manuel Moreno Casado “Pucherillo” e “O Andaluz”, Eduviges Orozco Palacín “Andaluz”, Enrique Oviedo Blanco, Domingo Villar Torres ou a enlaces e apoios da guerrilla como Ángel Álvarez Calvo, Ramón Couto, Urbano Gallego Álvarez ou o Dr. Carlos Vázquez Penabad, este último simpatizante socialista que prestou axuda á guerrilla segundo nos relata Simón Lorda (2010).

A presenza socialista tamén se fai evidente noutras áreas de Galicia, se ben na maior parte dos casos foron confluíndo en diferentes momentos con grupos como o de Neira, tal son os casos de Vicente Lage Fernández “Chicharro” ou Luís Trigo Chao “O Gardarríos”; no de Domingo Rodríguez, como no caso de Cándido Losada Estévez “O Malvavisco”; ou no Exército Guerrilleiro de Galicia-León, constituído a partires de outubro de 1944 e promovido polo PCE, onde acadarán certa notoriedade uxetistas como Antonio Paleo Saavedra ou socialistas como José María Saavedra Díaz, que a partires de 1946 organiza a IIª Agrupación Guerrilleira de Galicia formando as chamadas “guerrillas de choque”.

Entre os anos 1946 e 1947 a Federación de Guerrillas de León-Galicia entra en declive por tres motivos fundamentais: as desavinzas entre a tendencia comunista e as demais no seo da organización –que se saldou  co abandono dos comunistas e o seu ingreso no recentemente creado Exército Guerrilleiro-, o aumento da violencia represiva contra os enlaces da Federación e os familiares do guerrilleiros, e a cada vez máis estendida idea de que era mellor deixar a loita armada e fuxir cara o exterior, tal e como alentaba o PSOE de Indalecio Prieto desde o exilio debido ós cambios producidos no panorama político internacional tras a IIª Guerra Mundial.

O papel dos socialistas na loita antifranquista en Galicia neste período non se limitou á participación no movemento guerrilleiro, senón que tal e como nos indican Pérez Agulla e Pérez Poza (2012) constátase a creación nos anos corenta de organizacións socialistas clandestinas nas provincias de Lugo e A Coruña –probablemente tamén cunha pequena rede de contactos en Pontevedra- nun intento por reorganizar o PSOE co obxecto de poder recibir instrucións desde Madrid. Levado adiante por Manuel Cobas Rodríguez, Luís Fernández del Valle, Graciano Leivas Freire, José Mateo Mariñas Ferrero e Antonio Vidal Vilas, entre outros, este intento de reorganización das forzas socialistas foi cortado de raíz coas súas detencións en xullo de 1945, sen que por iso poida afirmase que se eliminara por completo a actividade política clandestina dos socialistas en Galicia.

DE PERDIDOS AO RÍO: EXILIO OU MORTE

A partir do ano 1947 a sorte que sofren os socialistas na guerrilla é moi diversa. Uns, por vontade propia ou forzados pola situación, integraranse no Exército Guerrilleiro de Galicia e continuarán a loita armada contra o franquismo, perecendo na maior parte dos casos en enfrontamentos armados coa Garda Civil que entre os anos 1948 e 1952 intensificarán notablemente a súa labor represora; outros, máis afortunados, chegarán ó porto de Luanco (Asturias) desde onde sairá o 23 de outubro de 1948 un barco fretado por Indalecio Prieto que evacuará ós guerrilleiros socialistas, permitíndolles fuxir definitivamente das fouces do franquismo e emprender unha nova vida no exilio.

Os primeiros que tiveron a oportunidade de fuxir foron Vicente Lage Fernández, Antonio Paleo Saavedra –enlace do grupo Neira- e Domingo Villar Torres, quen en decembro de 1946 lograron marchar no “Santa Teresa” xunto cun grupo de guerrilleiros galegos maioritariamente vencellados ao PCE que pensaban que a loita armada carecía xa de sentido.

Como indicamos, será a comezos de 1948 cando a inmensa maioría dos socialistas da guerrilla galega tomen a decisión de abandonar definitivamente a súa actividade. Etelvino Fernández Fernández chega a Hendaia a través dos Pirineos en xaneiro dese mesmo ano, como tamén o farán meses despois César Ríos “Sembrador” e Marcelino Fernández “O Gafas”, quen embarcaran desde Luanco con destino a Francia. Mario Morán “Karenine”, que non puido chegar ó vapor como si fixeran os seus compañeiros de armas, viuse na obriga de chegar a Francia polos seus propios medios, o que acadou no mes de decembro. Similar sorte correron Abel Ares “Sancristóbal” e a súa compañeira Matilde Franco Canedo, que chegaron a Bilbao en automóbil e continuaron despois a pé a través do monte ata chegar a territorio galo, ou os socialistas “Mario de Langullo” e Benigno García “O Vello”. Federico Canduela, en 1949; Pedro Juan “Jalisco” e Silverio Yebra, en setembro de 1951; e Cándido Losada “Malvavisco”, en 1952, acabarán tamén no exilio xunto cos seus compañeiros. Pola súa banda, Urbano Gallego abandona a guerrilla en 1948 pero logrará actuar na clandestinidade durante moito tempo servindo de enlace e apoio ós efectivos aínda activos, mentres que Ángel Álvarez Calvo optará por marchar definitivamente ao exilio en 1955.


Lamentablemente perderon a vida en diferentes circunstancias - en enfrontamentos coa Garda Civil na súa inmensa maioría- David Fuentes Álvarez (†1941), Manuel Moreno Casado (†1945), Manuel Castro Tella (†1947), Luís Trigo Chao “O Gardarríos” (†1948, asasinado xunto coa súa compañeira, Antonia Díaz Pérez), José Saavedra Díaz (†1949, executado tras ser apresado e xulgado), Eduviges Orozco Palacín (†1949), Hilario Álvarez Méndez (†1949), Enrique Oviedo Blanco (†1950, morto nunha emboscada cando preparaba a súa saída do país), Manuel Girón Bazán (†1951, asasinado dun tiro na caluga por mor dunha traizón) ou Antolín Murias (†1953, asasinado por un veciño en Xares). Mártires da inxustiza, e dos que glorificaron a tiranía e a morte, aínda hoxe son lembrados polo seu profundo compromiso coa defensa da República, a loita antifranquista e o socialismo, deixando unha profunda pegada na memoria colectiva dos galegos que viviron a ditadura. 

É certo que a presenza numérica dos socialistas na guerrilla en Galicia foi minoritaria, pero non é menos certo que a súa estampa foi de certo significativa e puido servir en boa medida de alicerce para que, aproveitando a importante rede de apoios que tiñan, Ramón Beade e outros vellos militantes de agrarias socialistas se lanzasen á organización na clandestinidade dalgúns grupos de afiliados a partir de 1947 nas áreas de Betanzos, Vigo, Lugo ou Santiago, cuxa actividade política, e sobre todo propagandística, esténdese ata os primeiros anos da década dos 60 do pasado século conectando o socialismo galego de anteguerra co socialismo da próxima transición democrática. 


BIBLIOGRAFÍA:

Heine, H. “El movimiento guerrillero en Galicia y comarcas limítrofes” en A guerrilla antifranquista galega (Actas do Congreso), CRMH de A Coruña: A Coruña, 2012.

Macías, S. El monte o la muerte. Manuel Girón y la primera guerrilla antifranquistas de la postguerra. León: Eolas ediciones, 2020, 3ª ed.

Máiz Vázquez, B. Galicia na IIª República e Baixo o franquismo. Vigo: Edicións Xerais, 1988.

Pereira, D. Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). Vigo: Edicións Xerais, 2011.

Pérez Agulla, G. e Pérez Poza, R. “Reorganización y proceso de estructuración del sindicalismo socialista en Galicia” en Análisis históricos del sindicalismo en España. Del franquismo a la estabilidad democrática (1970-1994), Madrid: Fundación Francisco Largo Caballero, 2013.

Redondo Abal, F.X. Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Ediciós do Castro, 2006.

Simón Lorda, D. Médicos ourensanos represaliados en la Guerra Civil y la postguerra. Santiago de Compostela: Fundación 10 de Marzo, 2010.

Diccionario biográfico del socialismo español, Fundación Pablo Iglesias. En www.fpabloiglesias.es 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz