A tradicional implantación socialista na vila de Allariz
Malia a hexemonía
nacionalista dos últimos anos na vila de Allariz, moi poucas persoas saben que
tempo atrás a implantación socialista en terras alaricanas estaba lonxe de ser
testemuñal. Tal é así, que as primeiras novas da chegada do ideario socialista
a esta vila témolas xa en 1913, cando foi creada a Sociedade de Dependencia de Comercio e Banca de Allariz, segundo
nos informa El Socialista. Ese mesmo
ano a sociedade alaricana participou na I
Asemblea de Sociedades de Dependentes de
Comercio de Galicia celebrada en Vigo, á que acudirían tamén as recentemente
organizadas sociedades do ramo de Ourense, Celanova e Verín para adherirse á socialista
Unión General de Trabajadores (UGT) .
A Sociedade de Dependencia e Comercio de Allariz será, sen ningún
xénero de dúbidas, o corazón socialista da vila, establecendo como centro
neurálxico un Centro Obreiro do que
lamentablemente non puidemos saber a súa localización. Será este un lugar de
encontro para republicanos e esquerdistas, amantes do progreso, obreiros,
artesáns e labregos, pero en calquera caso, homes e mulleres comprometidos cuns
valores de liberdade, democracia e igualdade social que non todos estaban
dispostos a asumir.
Pioneiros en terra hostil,
foron eles os encargados de espallar o seu ideario por diferentes localidades
do municipio, sobre todo a partir do ano 1926, momento no cal se celebrou en
Lugo o I Congreso Agrario Socialista de
Galicia –inicialmente previsto en Ourense- coa intención de organizar un
movemento agrarista de carácter socialista que frease as aspiracións un tanto dirixistas
de Basilio Álvarez. Así pois, froito dunha intensa campaña informativa nacida ao
abeiro da recente promulgación da Lei de
Redención Foral de 1926, nacerá dous anos despois a Sociedade de Agricultores de Santa Baia (1928) e a Sociedade de Agricultores e Oficios Varios
de Nanín (1928), consolidando así a presenza socialista nas terras de
Alarico.
O segundo e definitivo
impulso a expansión do ideario socialista en Allariz hai que buscalo nas
intensas campañas informativas levadas a cabo pola UGT entre os traballadores
da liña do ferrocarril de toda a provincia que, entre outras, darán lugar á
creación de diversas sociedades de traballadores do ferrocarril ou de
sociedades de oficios varios adheridas
ao ramo da edificación da UGT, como é o caso das do veciño concello de Paderne
de Allariz onde o asociacionismo obreiro contaba cunha fortísima implantación e
grande capacidade de difusión.
É así como se entende que
nas eleccións de 1931 diferentes membros das sociedades agrarias vencelladas á
UGT do concello de Allariz se afixeran con 15 das 17 actas de concelleiros, tal
e como nos informa o órgano socialista La
Lucha. Con todo, sendo hexemónica na
zona a presenza da UGT, hai que ter en conta que no seo destas sociedades obreiras
encontraban tamén refuxio traballadores de diferentes ideoloxías, desde
comunistas –moi numerosos a partires de 1932 por mor do descontento causado
pola paralización das obras do ferrocarril sendo Indalecio Prieto Ministro de
Fomento- a anarquistas ou republicanos máis ou menos moderados interesados en
mellorar as súas condicións de vida e traballo. É por iso que resulta pouco
probable que efectivamente as fozas socialistas contaran con 15 concelleiros, aínda
que si podemos considerar que foi a
forza maioritaria e gobernou a vila no primeiro bienio republicano.
Lamentablemente, a queima dos arquivos municipais e os libros de actas deste
período –segundo nos din no arquivo do Concello de Allariz- fan imposible
confirmar este e outros aspectos, como a
identificación deste primeiro goberno republicano e socialista.
A perda dos goberno
municipal tras as eleccións de decembro de 1933 e a represión e detencións
practicadas tras a folga revolucionaria de 1934 –que no partido xudicial de
Allariz cobrou certa importancia pola posta en marcha de diferentes accións de
sabotaxe– desmobilizaron en certa medida aos simpatizantes e votantes das
forzas obreiristas, que en 1936 tampouco foron quen de afacerse novamente co
goberno local en Allariz.
O período previo ó golpe
militar fascista de xullo de 1936 caracterízase polos fortes enfrontamentos
entre o alcalde da vila, Aser Seara Pavón, e os membros máis á esquerda das
sociedades obreiras e agrarias radicadas do municipio, erixíndose no seu
principal opositor o panadeiro Julio Babarro Álvarez. Este home de tendencia
largocaballerista foi un activo organizador da manifestación obreira do 1º de
maio na vila, férreo defensor do pirotécnico Felisindo Conde Cid –que estivera
no cárcere acusado de desacato e do que se sospeitaba desexaba atentar contra o
Casino da vila-, e un dos primeiros organizadores da escasa resistencia ao
golpe que houbo en Allariz, chegando a coordinar a requisa de armas e a recruta
de homes en distintos puntos do municipio. Tras a súa detención foi xulgado por
un delito de rebelión militar, condenado a morte e executado no Campo de Aragón
o 29 de decembro de 1936, cando contaba con tan só 43 anos de idade.
Tamén foron vítimas do odio
e a intolerancia os compañeiros:
- Benito Álvarez Limia: Labrego e Presidente das Sociedade de Agricultores e Oficios Varios de Nanín entre 1929 e 1934. Xulgado por tenencia ilícita de armas. Segundo os informes da propia Grada Civil non participara activamente na defensa da República, mais foi encartado por unha serie de informes negativos sobre a súa persoa que constaban a raíz dunha solicitude por súa parte dunha praza de axente de policía honorario.
- Felisindo Conde Cid: Pirotécnico, veciño de Folgoso-Guede, foi xulgado por rebelión militar e sentenciado a morte. Morreu fusilado no Campo de Aragón o 29 de decembro de 1936 contando con só 35 anos de idade.
- Julio Fuentefría García: Tamén panadeiro, participou na requisa de armas por distintos puntos do concello. Foi detido e xulgado por rebelión militar, impóndoselle unha condena de cadea perpetua.
- José González Quintana: Labrego e veciño de Santa Baia, foi xulgado por rebelión militar e executado no Campo de Aragón o 29 de decembro de 1936, tiña 46 anos.
- Ramón Pérez Anglade: Chofer e veciño de Urrós, foi executado o 17 de setembro de 1936 no Campo de Aragón.
- Miguel López Fernández: Labrego e veciño de Allariz, foi declarado en rebeldía e xulgado por deserción, contando entón con 25 anos.
- Julio Pérez Cid: Veciño de Santa Mariña de Augas Santas de 29 anos, foi xulgado por rebelión militar, mais foi sobresida a súa causa.
- Guillermo Pérez Conde: Chofer e veciño de Allariz, foi xulgado por rebelión militar e sentenciaado a cadea perpetua.
- Aurelio Tesouro Fernández: Mestre de Tosende e afiliado á ATEO desde maio de 1931, viuse na obriga de ingresar en filas
- Manuel Ruíz Ruíz: Comerciante e veciño de Allariz, era coñecido por participar sempre como abandeirado nas manifestacións obreiras da vila e alistouse voluntariamente para evitar as represalias. Tan só 20 días despois da súa incorporación desertou e incorporouse ao bando republicano, chegando a acadar o grao de sarxento.Capturado en 1940, foi xulgado por adhesión á rebelión e foi condenado morte, malia que lle foi conmutada a pena por cadea perpetua. Ingresou no cárcere de Celanova.
Nin esquecemos, nin perdoamos.
O noso recoñecemento ós mártires da liberdade, a democracia e a xusticia social.
FONTES:
- La Lucha: Órgano de la Agrupación Socialista de Orense y la Federación Agraria Provincial.Consultada en http://biblioteca.galiciana.gal/es/estaticos/contenido.cmd?pagina=estaticos%2Fpresentacion
- NOMES E VOCES: www.nomesevoces.net
- PRADA RODRÍGUEZ, Julio (2004): Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión, Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
- QUINTAS FERREÑO, Francisco Javier (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936), Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.