III Congreso Provincial do PSdeG de Ourense
Vén de celebrarse en recentes datas o III Congreso Provincial do PSdeG PSOE de Ourense, no cal por primeira vez foi creada unha Secretaría da Memoria Histórica na nosa provincia. Se ben o compromiso coa recuperación da memoria histórica na nosa provincia foi sempre defendido por moitos compañeiros e compañeiras socialistas desde diferentes ámbitos, ben na súa labor como concelleiros, alcaldes ou membros de colectivos sociais , ben a título individual, o certo é que coa creación desta Secretaría de Memoria Histórica ponse de manifesto a determinación que ten a nova Comisión Executiva Provincial de dar un novo impulso as tarefas de rehabilitación e recoñecemento da labor que tantos homes e mulleres socialistas levaron a cabo no pasado e que mesmo pagaron coa súa propia vida.
Este espazo quere ser un medio de divulgación histórica arredor do socialismo ourensán, difundindo os máis importantes logros dos centos de homes e mulleres que ó longo do tempo foron construíndo este proxecto e recuperando a memoria de todos aqueles que dun ou doutro modo sufriron o azoute da crueldade e a sinrazón.
Desexamos tamén que sexa este un punto de encontro, un espazo vivo no que todos e todas as compañeiras socialistas, os interesados na recuperación da memoria histórica ou emesmo os familiares e achegados das víctimas do franquismo fagan as súas aportacións, ás que se lle dará cumprida resposta.
Dende tempos antigos a “damnatio memorie” foi considerada a máis cruel das penas á que podía ser condenado calquera membro dunha comunidade. Sen dúbida constitúe o máis refinado mecanismo de represión que pode exercer o poder establecido que, non conforme con silenciar as palabras e as ideas de quen non lle é dócil mediante a imposición de condenas de prisión ou morte, arremete contra todo vestixio que testemuñe a súa existencia. Xa que logo, é a nosa obriga exercer de avogados defensores dos que un día foron cruelmente silenciados. Despegamos!!!